Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia lémbralle á Deputación que os veciños xa dixeron que non á localización dun albergue de peregrinos no Mirador de Mondoñedo

Mondoñedo, 14 de setembro de 2017.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, lémbralle ao Goberno da Deputación de Lugo que os veciños xa se amosaron no seu momento en contra de que as instalacións do Mirador Os Paredones da localidade se convertan nun albergue de peregrinos.

A rexedora fixo estas declaracións tras coñecer hoxe que o Goberno provincial ten a intención de destinar esta infraestrutura da súa titularidade a este uso, un feito que traería consigo consecuencias negativas para a localidade, xa que implicaría levar aos peregrinos fóra da cidade o que provocaría, polo tanto, “que o casco histórico perdese vida”. É dicir, “afástanse aos peregrinos tres quilómetros arriba do centro”, a maiores, de que o Camiño Norte non descorre por onde está ubicado o Mirador. Trátase, polo tanto, dunha iniciativa que “non xera riqueza na localidade, nin aceptan os propios veciños”.
A rexedora lembra que incluso tras o debate en Pleno da Deputación dunha iniciativa promovida polo Partido Socialista en outubro de 2014 para destinar o Mirador a albergue de peregrinos; o propio PSOE aceptou unha emenda do Bloque Nacionalista Galego que deixaba entrever as súas dúbidas sobre que o Mirador fóse un albergue de peregrinos, ao pedir un uso máis amplo e diversificado para estas instalacións. Polo tanto, Candia precisa que de ter a intención de converter o Mirador nun albergue de peregrinos, os socialistas “deberían ter en conta a opinión dos veciños que dixeron non a un albergue fóra da cidade, e mesmo o BNG non o tiña claro no seu día”.

Ante esta situación, o Goberno local anuncia que levará a Pleno unha iniciativa a través da que manifesta o seu rexeitamento a que o Mirador se converta nun albergue de peregrinos.

Unha colaboración pouco ambiciosa
No que respecta a que a Deputación de Lugo solicitase un obradoiro de emprego financiado pola Xunta de Galicia para actuar no Mirador, a rexedora agradece esta decisión “despois das moitas peticións que levamos trasladado”, ao tempo que lembra que os socialistas son os responsables de que esta infraestrutura de titularidade provincial “se atope nun estado total de abandono, tras esquecérense dela durante anos”.

De todos xeitos, a alcaldesa considera que a implicación económica da Deputación continúa a ser moi pouco ambiciosa e lembra que a Xunta de Galicia achega para esta primeira fase das obras máis de 223.967 euros fronte aos 50.000 euros que aporta a Deputación de Lugo.

Polo tanto, as obras que sufraga a Xunta de Galicia, nun importe moi considerable respecto á Deputación e dando emprego a 20 persoas, inclúen acondicionamento de parcela, limpeza e adecuación do interior da edificación, acondicionamento dos peches de protección dos desniveis, limpeza e reparación da cuberta da pizarra e reparación da carpintería exterior.

Exit mobile version