Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Saúde manifesta a súa sorpresa pola “desaparición” da denuncia presentada ante a falta de medidas preventivas no Servizo de Anatomía Patolóxica

Burela, a 15 de setembro de 2017. A CIG-Saúde quere manifestar a súa sorpresa ante a “desaparición” da denuncia presentada na Inspección de Traballo pola ausencia de medidas preventivas no almacenamento e condicións de uso de formaldehido no Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital da Costa. A denuncia foi rexistrada o pasado 11 de abril no portelo único, está acreditado que foi remitida dende o Concello de Burela e incluso, semanas despois, en chamada telefónica, a autoridade laboral confirmou que xa había unha inspectora asignada para investigar os feitos denunciados.
Porén, ante a demora na actuación, CIG-Saúde da Mariña púxose en contacto novamente coa Inspección de Traballo e a sorpresa foi máxima cando nos comunican que non teñen constancia da mencionada denuncia, nin aparece o escrito por ningures. Para a CIG resulta incomprensíbel como puido “desaparecer” unha denuncia sobre un tema tan sensíbel cando, presuntamente, xa tiña inspectora asignada.
Estes feitos (sumados ao desleixo do SERGAS, que continúa negando a situación de risco e asegurando que os niveis “son aceptábeis”), suporá atrasar a adopción de medidas que garantan a protección da saúde e a seguridade dos traballadores e traballadoras. Así as cousas, a CIG-Saúde xa rexistrou de novo a denuncia , agardando que desta volta non se perda misteriosamente polo camiño.
Axente canceríxeno e mutáxeno 1B
Cómpre lembrar que o formaldehido é amplamente utilizado na contorna hospitalaria como axente conservante e fixador de tecidos. O seu uso é tamén xeneralizado nos laboratorios de anatomía patolóxica, onde existe unha exposición importante por parte dos traballadores e traballadoras. Trátase dun composto que causa irritación das vías respiratorias superiores, asma e bronquite, mentres que por contacto pode causar eccemas alérxicos, ademais de efectos canceríxenos.
De non tratarse coas medidas adecuadas, esta situación pode xerar un problema serio de saúde ocupacional para o persoal empregado nos laboratorios de anatomía patolóxica. Ademais, no servizo non existe ventilación xeral (obrigando a abrir fiestras e usar ventiladores portátiles), e no que respecta á existencia de extraccións localizadas na zona de manexo de formaldehido soamente existe na sala de tallado, non hai ningún armario nin local específico para o almacenamento da substancia con extracción e a sala de autopsias non cumpre os requisitos para o seu fin a nivel material e de espazo, atopándose nunha situación insalubre.
Dende CIG-Saúde da Mariña reiteramos a necesidade de priorizar a seguridade no traballo, cos mínimos de calidade esixíbel, e reclamamos á Xerencia Executiva do Hospital da Costa que adopte todas as medidas precisas para garantir un entorno laboral libre de riscos.

Exit mobile version