Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e magnolias: O art. 2 da Constitución

Hai tempo que se ven tambaleando o estado social, democrático e de dereito.
¿O estado español? Por suposto. Ese, e a concepción ilustrada do estado coma un marco de convivencia cuia lexitimidade recae na vontade soberana do pobo, que a plasma nun contrato chamado constitución.
O principio de legalidade, que garante o imperio da lei e o sometemento dos poderes públicos á mesma, non foi invocado cando a administración baleiraba de contido o estado social, cando a economía do compadreo acubillaba os recursos públicos que se liquidaban en forma de dividendos repartidos, vía porta xiratoria, entre os lobbys.
A xustiza mudou nunha caricatura, nun retrato grotesco da realidade, nun instrumento para garantir a impunidade daqueles que se apropiaban das institucións.
Todo isto sucedeu e está suceder en España e en Catalunya, os actores eran os mesmos.
O art. 2 da constitución española é un fillo do seu tempo, unha contradición en si mesma.
Comeza con vocación decimonónica fundamentando a norma suprema na indisoluble unidade da nación española e remata de xeito confuso recoñecendo o dereito de autonomía das nacionalidades e rexións que a integran.
Pero, ¿que demo é iso das nacionalidades? O eufemismo usado para substituír ao termo nación nun contexto de “ruído de sables” previo ao golpe truncado do ano 81.
E é que as leis son fillas do seu tempo, por iso a constitución do 78 ameaza con caer, como cuestión última falta saber se por derribo ou por reforma. Non semella moi lóxico seguir mantendo unha estrutura de estado baseada na “terrotorialidade” e non na vontade libre das persoas.
A operación despregada este mércores pola Garda Civil, no contexto do referéndum catalán, pon as cartas boca arriba. Un goberno incapaz de buscar solucións a problemas políticos quere solventalos co Código Penal, co cumprimento dunha legalidade que xa hai tempo que se sabe obsoleta.
No tocante ao tema territorial o quid da cuestión segue a estar no art. 2 da constitución, na necesidade de recoñecer o dereito de autonomía das nacións, na obriga de comprender que estas só poden integrar un estado de forma libre, voluntaria e pacífica e que, sensu contrario, nunca se lle poderá por cancelas ao campo.
Un bo momento para ver se profundizamos nos valores democráticos e participativos que propugna a lei ou si seguimos a usala como trincheira para disparar.

Exit mobile version