Site icon Crónica3.com A Mariña

Día Mundial do Alzheimer no Concello de Viveiro

Viveiro, 20 de setembro de 2017. Este xoves celébrase o Día Mundial do Alzheimer e dende o Concello de Viveiro, especialmente sensibilizado con esta enfermidade, queremos manifestar o noso apoio e a nosa solidariedade aos afectados. Consideramos que o alzheimer é un problema socio-sanitario de primeira magnitude, a epidemia do século XXI; unha enfermidade especialmente dura, triste e cruel cuxa dependencia afecta non só á ao enfermo, senón tamén á súa familia.

Neste sentido, quero aproveitar a ocasión para agradecer publicamente á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Viveiro polo seu traballo, compromiso e dedicación, polos esforzos realizados para mellorar a calidade de vida dos viveirenses afectados por esta doenza e das súas familias, prestando asistencia psicolóxica e ofrecendo servizos e apoio e respiro familiar.

Dende o concello de Viveiro, convencidos da gran labor desenvolta e comprometidos coa causa, conscientes dos efectos desta doenza, vense colaborando con esta asociación mediante recursos humanos e materiais para a prestación dun servizo do que se benefician tanto os propios enfermos coma as súas familias, incluíndo nesta colaboración a autorización de uso dunha parte das dependencias municipais sitas nos Claustros de San Francisco, os alimentos que se lles proporcionan aos pacientes mentres están no servizo e a labor do persoal municipal encargado de atender aos usuarios do centro. Cómpre destacar, con respecto a este último aspecto, que o concello vén de ampliar a disponibilidade do persoal municipal destinado ao centro, que viña desenvolvendo no mesmo a metade da súa xornada laboral, en horario de tarde; a partir de agora estará tamén polas mañás, posibilitando que a asociación amplíe os seus servizos atendendo aos usuarios en horario de mañá e tarde.

Quero, finalmente, deixar constancia do compromiso que a administración que represento mantén con esta doenza, animando a que todos nos impliquemos para avanzar xuntos cara unha mellor calidade de vida dos enfermos de Alzheimer e dos seus familiares.

Exit mobile version