Site icon Crónica3.com A Mariña

Discurso Ofrenda Nosa Señora dos Remedios 2017 de Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo

ofrendaremedios1Mondoñedo 10-9-17. Excelentísimo señor don Luis Ángel de las Heras Berzal, bispo da Diócese de Mondoñedo-Ferrol

Benqueridos compañeiros das corporacións municipais de Mondoñedo, Vilalba, Viveiro e de todos cantos concellos están hoxe aquí representados

Reverendísimos membros do Cabido Catedralicio

Excelentísimas e ilustrísimas autoridades

Señor Reitor do Santuario dos Remedios

Bos días a todos e a todas

Santísima Virxe dos Remedios, Miña Señora:

Comparezo aquí hoxe ante ti, fondamente emocionada, co orgullo e a honra de facelo en calidade de alcaldesa da miña prezada e querida cidade de Mondoñedo.

Hoxe fágoo coa enorme responsabilidade de representar a todos os mindonienses pero coa mesma ilusión coa que te levo acompañando neste día dende ben pequena, en compañía da miña familia.

Preséntome aquí, nuns días nos que España mira a quen pon en dúbida a lexitimidade do sistema que nos permite acadar o maior número de dereitos e tamén unha sa convivencia na innegable e enriquecedora pluralidade do noso país.

Pertenzo a unha xeración que aínda pode escoitar con testemuñas veraces épocas onde as limitacións, as liberdades e os escenarios de protección social e tamén económica eran ben distintos. Aproveito hoxe a oportunidade ante ti, miña señora, de poñer en valor o esforzo de consensuar no 78 a lei de leis, que garanten un estado social democrático e de Dereito e que propugna como valores superiores do ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político.

Pídoche, Santísima Virxe, que nos axudes a manter esta convivencia.

Como galega, que é unha das máis fermosas maneiras de ser española, eu pídoche, pola concordia e pola liberdade. E os cambios que son naturais se fagan no escenario de respecto as leis, nun escenario de concordia, fuxindo da confrontación, das imposicións e por suposto, da violencia. Sei que velarás por nós.

Pero eu véñoche falar, Señora, ante todo de Galicia. E moi particularmente desta Galicia do Norte nosa, que é Galicia da nosa Diócese, a que ten as súas capitais en Mondoñedo e en Ferrol. Véñoche a falar da realidade dos concellos de Mondoñedo, Ferrol, Ortigueira, Ribadeo, Vilalba e Viveiro que dende 1938 vimos ante ti a rogarche axuda e protección.

Vimos a pedirche polos nosos veciños para que atopen en nós a solución que buscan aos seus problemas, e que os alcaldes entreguemos un traballo responsable, honrado e sensible ás necesidades. En definitiva, nosa Señora, pola política entendida con vocación de servizo público.

É certo que, pouco a pouco, os peores momentos da crise económica empezan a quedar atrás, pero na miña ofrenda quero que teña un dos lugares máis destacados a petición para que todo aquel veciño ou veciña que precise aínda incorporarse ao mercado laboral teña a súa oportunidade e que as administracións sexan entidades que traballen con vocación activa e colaboradora para que as iniciativas empresariais podan desenvolverse e se sigan eliminando burocracias e trámites para acelerar a consolidación de emprego.

Prégoche, tamén Santísima Virxe dos Remedios polos nosos nenos, o tesouro da nosa infancia, e por todas as entidades que traballan a prol da súa protección.

Tamén che pido, nosa señora, pola nosa xuventude, que aproveite as oportunidades formativas para labrarse un bonito futuro como persoas e que neste camiño, axudes, nosa Virxe dos Remedios aos mestres e profesionais da educación.

Nosa Señora, prégoche tamén polos nosos maiores; e permíteme Virxe dos Remedios e, permitídeme os aquí presentes, que faga unha especial mención a miña prezada cidade.

Rógoche por institucións ben próximas, como é a nosa residencia San Rafael, co novo centro de día. Pídoche polos seus usuarios e polos seus traballadores.

Tamén, nosa señora, polo persoal e usuarios do noso querido San Pablo. Polos seus traballadores, e os seus usuarios tamén che suplico saúde e damos o noso agradecemento ao seu incansable traballo.

Tampouco me quero esquecer dos nosos profesionais da sanidade, tan importantes nas nosas vidas. Os do noso centro de saúde e do noso hospital, inmenso nunca importante ampliación e mellora.

Tamén che prego polo bo entendemento entre as autoridades civís e relixiosas. O entendemento entre o Concello e o Obispado ten permitido xa bos proxectos para cidade e seguirá facéndoo. Moitas gracias.

Dende a responsabilidade que ocupo e que ocupamos todos os que me acompañan no deber que contraemos cos nosos veciños, buscamos levar a Mondoñedo pola senda da mellora cara o camiño do crecemento; aproveitando todos os seus recursos e centrándonos en aspectos como o turístico, o empresarial, o social ou o agrario; tendo sempre como epicentro da nosa xestión aos nosos veciños tanto aos do seu histórico casco como aos do noso rural.
Ante isto, miña señora, pídoche que nos axudes, que veles por nós no traballo que dende as administracións públicas, as asociacións, tan importantes organismos, e a través da man de cada un dos nosos veciños se está a facer pola nosa cidade.

O obxectivo é ver a nosa cidade e o noso rural como un escenario de oportunidades.

Para isto, Mondoñedo, sabe moi ben o extraordinariamente importante que é manter en pé o legado do noso pasado, sobre o que se asenta a nosa cultura, o noso xeito de vivir. Hoxe podo dicir, con orgullo, que Mondoñedo xa é patrimonio da humanidade, porque así foron declarados pola Unesco o Camiño de Santiago que ten aquí un dos seus grandes fitos e, tamén, a nosa benquerida catedral.

Desde aquí agradezo, unha vez máis, o labor de cantos fixeron posible, non só isto, senón que tamén, en Mondoñedo, podamos na actualidade, por exemplo, estar nunha clara fase de crecemento turístico, con cifras como as 16.488 persoas que pasaron pola oficina de turismo no que vai de ano, as 1.247 que entraron na Cova do Rei Cintolo ou as 13.200 que pasaron pola Catedral. Estamos a falar de incrementos medios de entre un 30 e un 40%.

En definitiva, nosa patroa pídoche por Mondoñedo; guíanos e condúcenos no obxectivo que perseguimos, que non é outro que o despegue da nosa cidade grazas a máis emprego, máis servizos e máis oportunidades.

Sei que cantos están hoxe aquí, neste Mondoñedo noso, no noso amado Mondoñedo, comparten este pensamento. Querémoslle ao noso país, a nosa Galicia e a nosa cidade.

Pídoche tamén, Santísima Virxe, que ampares a todos cantos esta mañá vimos aquí, en ofrenda, ante o teu altar. A eles (a todos nós) e tamén, por suposto, aos ausentes. Aos que quererían acompañarnos hoxe e non puideron… e tamén aos que prefiren non participar

Quero agradecer dun xeito moi especial a presencia aquí de cantos hoxe comparten con nós este acto.

Saúdo afectuosamente ao señor bispo da diocese, aos membros do cabido catedralicio e da curia diocesana e a todo o clero que participa nesta celebración. Saúdo, con ese mesmo afecto, aos representantes de todas cantas institucións están aquí representadas: Xunta de Galicia, Deputación Provincial, concellos, Armada Española, organizacións diocesanas, etcétera. E ao mesmo tempo saúdo, con verdadeira emoción, aos meus queridos mindonienses, e a todas aquelas persoas que, desde moi diferentes puntos da diocese, nos honran hoxe coa súa presenza.

Benquerida Virxe dos Remedios, Nosa Señora:

Protéxenos nos avatares de cada día, nunca deixes de velar por nós. Ilumina sempre as nosas decisións. As nosas, as de todos os galegos… e as de España enteira.

Moitísimas gracias.

Exit mobile version