Site icon Crónica3.com A Mariña

Este mércores continúan en Burela as actividades da semana europea da mobilidade con charla e co circuíto de educación vial

200917 Foto Mobilidade 3Burela, 20 de setembro de 2017. Seguen en Burela as actividades da Semana Europea da Mobilidade, que organizou a Concellería de Medio Ambiente. Hoxe o alumnado de 4º de primaria do CEIP Virxe do Carme foron Andando ao colexio. Ás 13:10 horas as monitoras de Gaia impartirán unha charla sobre Emisións de CO2, cos alumnos de 1º de ESO do IES Monte Castelo. Xa pola tarde de 17:30 a 19:30 horas seguirá o circuíto de educación vial na praza do Concello. O xoves, a charla sobre Emisións de CO2 de Gaia será pronunciada no IES Perdouro para os alumnos e alumnas de 1º da ESO. E ás 18:30 horas terá lugar o taller Un can, un amigo. Será impartido no salón de plenos do Concello pola Clínica Veterinaria A Marosa.
Cos IES Monte Castelo e Perdouro, en concreto con 4º da ESO, houbo onte un taller impartido pola Asociación Stop Accidentes. “Con dito taller pretendeuse crear conciencia nos rapaces de que só se vive unha vez, e polo tanto temos que tomar decisións que afectarán á nosa vida de xeito transcendental. Subir nun vehículo que conduce alguén que inxeriu alcol, cruzar a rúa sen mirar, falar co móbil mentres conducimos, non levar o casco, e un sinfín máis de accións poden cambiar a nosa vida, a das nosas familias, e a das persoas que se cruzan no noso camiño. Sempre coa finalidade de que deixen de pensar que a mala sorte é a causante dos accidentes de tráfico, xa que non depende da sorte, senón das decisións que tomamos nun momento determinado. Intentamos que se decaten de que a gran maioría dos accidentes de tráficos pódense evitar”, explican as monitoras de Gaia do Concello burelés.
Os alumnos de 4º de Primaria do CEIP Vista Alegre participaron na actividade Andando ao colexio, todo un clásico na Semana da Mobilidade, “que consiste en baixar do cole ao Concello andando, fixándonos nos pasos de peóns, saídas de garaxes, semáforos… E logo no Concello reciben unha pequena formación de Seguridade Vial por parte de membros da Policía Local de Burela (como debemos circular cando somos peóns, ciclistas ou cando imos nun coche). Seguidamente visitamos as instalacións do Concello e volvemos andando ao colexio”, engaden desde Gaia.

E na tarde do martes, houbo na praza do Concello un circuíto de educación vial móbil, co que os rapaces dende as 17:30 ata as 19:30 puideron conducir karts a pedais e bicicletas, un xeito moi práctico de aprender as normas máis básicas para cando se circula pola estrada (sinais verticais, semáforos, sinais horizontais, rotonda…).

Exit mobile version