Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado, dá comezo en Burela a semana europea da mobilidade. O domingo será o día sen coches. Esa xornada estará cortada ao tráfico a rúa Pardo Bazán, entre Curros Enríquez e Eijo Garay

Burela, 15 de setembro de 2017. Do 16 ao 22 de setembro terán lugar en Burela as actividades programadas para celebrar a Semana Europea da Mobilidade. É a undécima vez que a localidade participa nesta cita.
O slogan deste 2017 é Compartir lévate máis lonxe. O que persegue esta campaña, que coordina o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, é sensibilizar tanto aos responsables políticos como aos cidadáns “sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche nas cidades e nas vilas, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sostibles como a bicicleta ou as viaxes a pé, ademais do transporte público”.
Desde hai moitos anos España lidera a participación na Semana Europea da Mobilidade, que en 2016 se celebrou en 2.427 cidades europeas das que 451 foron españolas. “Burela participa por décimo primeira vez, de forma ininterrumpida”, segundo destacou a edil Noelia Mª Ben.
As actividades en Burela darán comezo este sábado. Ata o 22 de setembro haberá cursos de condución eficiente, talleres de cociña para os máis pequenos, demostracións de ximnasia rítmica, exhibición de baile de salón, ciclismo, xadrez, manualidades, xogos, charlas, obradoiros e circuíto de educación vial, entre outras propostas. O domingo 17 será o día sen coches. Esa xornada desde as 9 ás 22 horas estará pechada ao tráfico a rúa Pardo Bazán, entre Curros Enríquez e Eijo Garay. Será un día cheo de actividades para todos os públicos. Ás 13 horas actuará a Coral Polifónica de Burela. Haberá inchables na praza do Concello, mesas informativas de diferentes colectivos da localidade e ás 18:00 horas terá lugar a tradicional merenda infantil (patrocinada polo CCA de Burela) e chocolatada coa colaboración da asociación Os Asadores e Ledicia. Será na praza da Mariña ao igual que a actuación de Peter Punk con Peor imposible, a partir das seis e media da tarde.

Exit mobile version