Ribadeo, 1 de setembro de 2017. A ribadense Celia Castro Fernández, que é catedrática de Historia da Arte na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, de Lugo, será a encargada de pronunciar o pregón das festas patronais de Ribadeo na honra de Santa María do Campo. O acto terá lugar mañá, 2 de setembro, ás oito e media da tarde no Cine Teatro ribadense e incluirá unha actuación da Coral Polifónica de Ribadeo.
Celia Castro está realizando actualmente a tese doutoral sobre pintura e fotografía no século XIX. É membro fundadora da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Lugo e da Asociación de Amigos do Camiño Norte. Tamén pertence á Sociedad Cultural Benito Prieto Coussent, que recopila e estuda as obras deste artista ribadense. Participou na reestruturación e montaxe do Museo Provincial de Lugo e dos de Lourenzá e Cervo. É autora do libro Estudio Iconográfico y estilístico de los capiteles de la Catedral de Mondoñedo e de artigos en diferentes publicacións. Ademais ofreceu varias conferencias e participou en numerosas mesas redondas.
Xa a vindeira semana o mércores, 6 de setembro, será cando dean comezo as actividades organizadas pola asociación cultural San María do Campo e San Roque para celebrar as festas da patroa. Ese día a xornada estará dedicada aos nenos e nenas a partir das 16:30 horas no Cantón. E tamén haberá pasarrúas de 18:30 a 22:30 horas a cargo de Os Charangos; ás 20:30 horas no quiosco da música José Pulpeiro Doval “O Gallopín” presentará o seu cuarto disco; e pola noite concerto pop-rock dos anos 70, 80 e 90 con Claxxon. Os festexos prolongaranse ata o día 9.