Ambas artistas son veciñas de Barreiros. Na mostra Olivia C. Rozas presenta un mundo en branco e negro de onírico lirismo que intercala realismo e soño a través do grafito. Pola súa banda Santamarina pon a voz aos trazos de Olivia mediante breves poesías que nos falan do amor, o mar e a emigración.
Olivia C. Rozas é debuxante dende moi nova e o seu medio de expresión favorito é o grafito sobre papel. Defínese como unha artista autodidacta que explora as fronteiras do real e o onírico compoñendo a súa realidade a través de grisallas, aínda que de vez en cando aparecen notas de cor nos seus debuxos. A figura feminina é a gran protagonista da súa obra, pero tamén o medio natural no que se envolven.
María del Carmen Santamarina é unha amante da poesía tamén dende moi nova e escribiu os primeiros poemas no seu Ribadeo natal, aínda que foi en Barreiros onde reside, cando comezou a escribir asiduamente. Dedica moitas das súas creacións ao propio Barreiros, á emigración, ao mar e ao desamor.
A exposición, que se inaugura mañá ás 20:00 horas, poderá visitarse ata o 29 deste mes en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas de luns a sábado. Os domingos a mostra abrirá de 11:00 a 13:00 horas.