Site icon Crónica3.com A Mariña

EU SÓ QUERO XOGAR!

Esa frase é a que me dixo un neno cando lle tentaba explicar que tiña que esperar. Gústame explicarlles as cousas ós rapaces no canto de impoñer, pero neste momento desarmoume, non teño moitos máis argumentos que darlle, máis alá de pedirlle que teña paciencia. Coma él, hai case unha ducia de nenos no CD Burela FS.
Todo isto ven derivado do conflito entre as federacións galegas de fútbol e fútbol sala que a Xunta unilateralmente decidiu en favor do fútbol e sen consultar ós clubs afectados. Antes disto ata a categoría xuvenil, na que a división de honra de fútbol sala está rexido pola RFEF, as licenzas federativas, que levan consigo o seguro, formalizábanse de xeito sinxelo, fose cal fose a orixe dos rapaces. Agora, como tódalas categorías pertencen á FGF, en calquera categoría se atopa unha lista interminable de trámites e documentos que os rapaces de orixe estranxeira teñen que firmar e presentar para poder xogar no seu equipo. Como se fosen delincuentes, e só son nenos
Todo isto é debido a unha lei da FIFA creada logo de que o Barcelona, o Real Madrid e o Atlético de Madrid foran sancionados por incorporar menores estranxeiros de forma ilegal. Neste tempo, estes tres equipos dominan o fútbol europeo. Actualmente, a sanción contra o Atlético segue vixente, pero a RFEF tramitou a ficha dun xogador co Las Palmas, cando é público que en Xaneiro vai ser incorporado polo Atlético. Esa licencia si que se tramita, a dos nenos, de momento, ten que esperar, do mesmo xeito que vén acontecendo dende fai 3 anos, cando a SD Burela se enfrontou á este mesmo problema.
Por outra banda, por parte da FGF díxoselle ós clubs fútbol e futsal que eran irmáns xemelgos, que benvidos á vosa casa. Pero cando se chama por teléfono á federación, como se indicou en caso de dúbida, deixan moi claro cal é o irmán predominante. Tamén se indicou que o fútbol sala escolar e local seguía como estaba, pero cando contabilizaron o número de licencias, o seu gran obxectivo para percibir unha morea de cartos por dereitos televisivos, asumiron a súa xestión. A consecuencia é que de momento tampouco os nenos destas categorías poden ser asegurados e tampouco poden comezar a adestrar e xogar coma os seus compañeiros. Queren as licencias pero non queren o traballo que supón tramitalas, porque o fútbol sala estórballes. Eses nenos estórbanlles.
Entón a única solución que atopo é dicirlles ós señores da FGF que lle expliquen a ese neno porqué non pode xogar. Porqué un deporte que debería estar orientado cara o público e como exemplo de valores para os nenos, da as costas a todo iso e ten como emblemas aqueles clubs sancionados e xogadores que son como estrelas de rock, que tentan humillar sistemáticamente ó que ten enfronte, sen o mínimo atisbo de deportividade. Estes clubs só queren gañar, os nenos só queren xogar!
Mario Pillado Non
Voceiro do BNG en Burela e monitor no CD Burela FS

Exit mobile version