Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo garante en Burela o compromiso coa atención integral á familia con novas prazas públicas de garderías e con máis e mellores infraestruturas

Burela (Lugo), 22 de setembro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso coa atención integral á familia con novas prazas públicas de garderías e con máis e mellores infraestruturas.

Durante unha visita á nova escola infantil pública de Burela, Feijóo lembrou que para este curso escolar 2017/18 a Xunta puxo á disposición das familias arredor de 22.500 prazas públicas ou sostidas con fondos públicos en escolas infantís de 0 a 3 anos. “E como fixemos no actual curso, atenderemos a todas as familias que quedaran sen paraza na rede Galiña Azul a través do Bono concilia, con axudas económicas directas que oscilan entre os 45 e os 250 euros ao mes”, engadiu.

Nesta liña, subliñou que se o ano pasado se beneficiaron deste programa 2.600 familias, a previsión é que na convocatoria deste ano a cifra aumente ata os 3.500 beneficiarios.

Así mesmo, salientou que o Executivo autonómico pon á disposición dos galegos outras ferramentas como as casas niño, un servizo de atención continuada á infancia de ata 3 anos de idade para núcleos rurais; e as escolas infantís en contornos empresariais, coa posta en funcionamento nas próximas semanas da gardería do polígono do Río do Pozo, en Narón, con 41 prazas.

No tocante á nova Galiña Azul dos Castros, Feijóo subliñou que esta infraestrutura pon á disposición das familias do concello da Mariña 41 novas prazas máis de educación de 0 a 3 anos, sete profesionais e un servizo de comedor que estará dispoñible a partir do 1 de outubro. E destacou tamén as obras de mellora na Escola infantil de Burela, cun investimento de preto de 13.000 euros. Ambas as dúas escolas fan que o municipio dispoña dun total 163 prazas da rede autonómica.

En relación á atención aos maiores, o responsable do Goberno galego lembrou que Burela conta con 88 prazas públicas na residencia de maiores, na que se investiu para a mellora do seu equipamento 25.000 euros, e con 40 prazas no centro de día.

Durante a súa intervención Feijóo reiterou o compromiso con outras infraestruturas como o vial de alta capacidade da costa e a ampliación do hospital da Mariña. Sobre este último punto, o presidente da Xunta salientou, que unha vez finalizadas as obras que están en execución, “seguiremos ampliando a carteira de servizos do hospital”. “Temos o compromiso de que Burela teña o mellor hospital que nunca tivo”, concluíu.

Exit mobile version