Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez agarda que a finais de outubro rematen as obras de acondicionamento, humanización e embelecemento que se están a realizar no entorno do grupo Francisco Iglesias e da escola oficial de idiomas

180917 Foto obras en Fco Iglesias 1Ribadeo, 18 de setembro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que a finais de outubro rematen as obras de acondicionamento, humanización e embelecemento que se están a realizar desde hai uns días no entorno do grupo Francisco Iglesias e da Escola Oficial de Idiomas. O rexedor pide desculpas polas molestias que se poidan ocasionar aos veciños e veciñas e aos usuario da EOI.
Suárez Barcia contou que “empezamos hai poucos días estas obras de acondicionamento e humanización do entorno do grupo Francisco Iglesias e a Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo, no barrio do Xardín. Estas importantes e agardadas obras de mellora veñen continuar unha primeira actuación que desenvolvemos hai pouco tempo no eixo central desta urbanización Francisco Iglesias”.
O alcalde explicou que “agora a todo este entorno imos dotalo dun novo pavimento, tanto na calzada como nas beirarrúas, e imos aproveitar tamén para modernizar instalacións soterradas existentes, como o saneamento, o subministro de enerxía eléctrica e mesmo o alumeado público. Tamén vamos colocar novas farolas e novo mobiliario urbano e eliminaranse barreiras arquitectónicas”.
O rexedor dixo que “en total son uns 80.000 euros de orzamento e estas obras están cofinanciadas polo Concello de Ribadeo e pola Dirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais, da Xunta. En conxunto as obras supoñen, como sempre facemos en Ribadeo, unha aposta decidida pola humanización desta zona, pola calidade de vida e a recuperación de espazos para a nosa veciñanza”.
A obra foi adxudicada á empresa Construccións Isidro Otero “e agardamos que estea rematada a finais do vindeiro mes de outubro”.
Fernando Suárez engadiu: “seguro que imos ocasionar unha serie de molestias tanto aos residentes nesta zona como tamén aos usuarios da Escola Oficial de Idiomas, que agora precisamente van empezar a actividade lectiva, pois sempre que se fan obras seguro que se molesta, pero ao final o resultado sempre é satisfactorio e en Ribadeo estamos contribuíndo paseniñamente a facer un lugar bastante agradable para traballar, para vivir e para disfrutar”.

Exit mobile version