Deste xeito, a responsable do deporte na nosa Comunidade gabou unha proba “que naceu en 1933 e que xa se quedou para sempre no calendario deportivo de Galicia”. “Hoxe, 84 anos despois de que Salvador Cardona se alzara co trofeo da primeira Volta a Galicia, a nosa competición favorita prepárase para unha nova edición que superará todas as expectativas”, engadiu.
Marta Míguez falou do apoio da Xunta de Galicia ao ciclismo e informou que a Secretaría Xeral para o Deporte “subvenciona a 166 equipos de alta competición, entre os cales hai 6 de ciclismo”.
Ademais, segundo a Proposición non de Lei aprobada o pasado 11 de xullo polo Pleno do Parlamento de Galicia sobre a demanda ao Goberno de España de medidas que contribúan a garantir a seguridade viaria dos ciclistas, a Xunta de Galicia está a dar traslado ás institucións correspondentes deste acordo que inclúe propostas como a reforma do código penal, unha maior control e sinalización nas estradas e a realización de campañas de sensibilización. “A consideración e a concienciación acerca da importancia do ciclismo, como deporte ou como actividade, debe ser compartida por todos os cidadáns e cidadás, así como por todas as entidades, organizacións e administracións que coas súas medidas melloren a situación dos ciclistas e contribúan á protección deste colectivo formado por milleiros de persoas”, dixo.
A Volta a Galicia contará coa participación de 18 equipos de toda España e incluso de Francia nos que competirán un total de preto de 180 ciclistas.