Site icon Crónica3.com A Mariña

Medina Azahara actuará o sábado 21 de outubro na Praza da Catedral de Mondoñedo

Mondoñedo 16 de setembro 2017: O grupo Medina Azahara actuará o sábado 21 de outubro na Praza da Catedral de Mondoñedo dentro da programación das Feiras e Festas das San Lucas 2017, que se celebrarán na cidade entre o 17 e o 22 de outubro. A partir das 23:00 horas, o mítico grupo, mundialmente coñecido e que levou o seu rock andaluz a diferentes sitios do mundo; traerá ata a localidade mindoniense o seu último álbum de estudio, Paraíso Prohibido.

Deste xeito, o presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto, avanza novo contido do programa das Festas e Feiras das San Lucas para esta anualidade. Neste senso, Souto engadiu que ademais da man de Medina Azahara, a música chegará ata a localidade a través das mellores orquestras de Galicia. No Campo da Alameda da cidade; o día 17, actuarán Panorama e Grupo Beatriz; o 18, Palladium e Satélites; o 19, New York e Miramar; o 20, será o concerto da iniciativa Voces da Paula e poñerán música tamén a Principal e a Gran Parada; o 21 D’moda e Pontevedra e o 22, a orquestra Jerusalén. Ademais, o mércores 28, ás 21:00 horas, celebrarase tamén na Praza da Catedral o concerto do gaiteiro asturiano Bras Rodrigo.

As San Lucas, coa memoria cultural de Mondoñedo
Ademais da cabida que ten a música nas Feiras e Festas das San Lucas, o presidente da asociación organizadora explicou que “buscamos sempre poñer en valor o patrimonio cultural de Mondoñedo”. Con este obxectivo e coincidindo co centenario da homenaxe organizada a Pascual Veiga polas Irmandades da Fala da Coruña e polo Coro Cántigas da Terra e máis da constitución das Irmandades de Mondoñedo,-22 de outubro de 1917-; farase este ano un acto homenaxe ao autor da música do himno de Galicia, coa colaboración de Cántigas da Terra. Este acto aberto será o 22 de outubro e incluirá unha ofrenda floral no cemiterio ante o seu mausoleo. De seguido, ás 12:30 horas no Auditorio Pascual Veiga, desenvolverase outro evento público de homenaxe ás Irmandades da Fala no centenario da súa fundación; ao que seguirá a entrega do Premio Mondoñedo 10, -creado pola Asociación As San Lucas en colaboración co colectivo Mondoñedo É e o Concello-; esta edición na modalidade de poesía. O coro Cántigas da Terra da Coruña será o encargado de pechar o acontecemento.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, será o Encontro Folclórico na Praza da Catedral, “que este ano conta coa participación dos catro coros centenarios do noso país: Cántigas da Terra da Coruña, De Ruada de Ourense, Cantigas e Agarimos de Santiago e Toxos e Flores de Ferrol, que forman o pasado, presente e futuro da nosa música tradicional”, asegura Souto.

O cabalo, epicentro das feiras
A historia das Feiras e Festas das San Lucas xira ao redor da figura do cabalo. Así e un ano máis, dende 1156, o día grande, o 18 de outubro, centos de reses chegadas de todo o noroeste peninsular danse cita na gran feira, que se celebra dende as oito da mañá. Repartiranse importantes premios. Ademais, o día 17, dáse un momento dentro da programación das San Lucas que causa moita expectación, “unha das mellores estampas das festas”, segundo precisa Souto: “a chegada ao xeito tradicional co paso orgulloso dos cabalos polas rúas de Mondoñedo coma dende 1156 cara o campo da feira para ser vendidos” e que terá lugar a partir das 18:00 horas. Ao igual que nas pasadas edicións, haberá unha pantalla xigante na Praza da Catedral a través da que se poderá ver en directo o proceso que seguen o gandeiros para reunir os animais que viven no monte e baixalos ata o centro de Mondoñedo.

Ademais, a programación tamén inclúe a maiores varias actividades e concursos que teñen o cabalo como protagonistas. Así, atópase, por exemplo, o día 18, a partir das 17:30 horas o concurso de andadura galega
ou os concursos morfolóxicos de cabalos e eguas de pura raza galega, que serán o día 21 a partir das 12:00 horas. Na tarde do sábado 21 – ás 17:30 horas-, está prevista a celebración dun gran festival ecuestre. O domingo 22, ás 18:00 horas, será a sexta edición do concurso de cabalos trotóns.

Esta programación complétase con demostracións de deportes tradicionais, traballos con motoserra, xunto á exhibición de poda en altura, “nunha comarca tan forestal”, precisa Souto, ao que se lle suman monólogos, teatro na rúa ou malabares, entre outros espectáculos.

Ruta de tractores clásicos
Outra das novidades que inclúe a programación para este ano 2017 é unha exposición de tractores clásicos, “que poderíamos chamar ‘volta á orixe’ xa que moitos destes vehículos agrícolas foron vendidos nas San Lucas dos anos 50 e 60 do pasado século”, explica o presidente da asociación. Así, esta actividade comezará cunha ruta entre Abadín e Mondoñedo de tractores clásicos, coa colaboración da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (AGAMAC). O acto oficial de recepción da caravana será o sábado 21, ás 13:30 horas no Campo da Feira, onde quedarán expostos.

Exit mobile version