Site icon Crónica3.com A Mariña

Na visita cursada polo presidente da Xunta á nova escola infantil de Burela o Alcalde, Alfredo Llano, resaltou o interese do Concello en abrila este mes dado a grande demanda existente de prazas na localidade

220917 Foto Llano garderíaBurela, 22 de setembro de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, acompañou hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na visita realizada á nova escola infantil da localidade. O rexedor dixo que o Concello tivo moito interese en abrir este centro en setembro para atender as necesidades da poboación. Llano declarou que se trata dun servizo extraordinario para Burela.
O alcalde burelés manifestou que “hoxe o que fixemos foi unha visita oficial para saudar á xente e ver como quedou todo. O Concello tivo moitísimo interese en que se abrira este mes con todos os problemas que houbo ao longo da construción da escola infantil”.
Alfredo Llano subliñou que “o Concello de Burela respondeu penso que de forma moi efectiva e rigorosa tanto no plano económico como no institucional, e no de persoal. Fixemos todo canto había que facer para que fose unha realidade o antes posible para poder acoller a grande demanda que hai de rapaces que están xa na nova escola infantil”.
O rexedor pensa que “este é un bo servizo para o noso concello. Hai que ter en conta que en Burela hai o crecemento demográfico perfecto, temos a pirámide poboacional extraordinariamente ben. Como dato teño que dicir que hai máis xente de menos de 20 anos que de máis de 65 anos, o cal quere dicir que é un concello no que hai que favorecer este tipo de servizos como son as escolas infantís para poder combinar a vida familiar e laboral”.
Alfredo Llano engadiu que “é un servizo que dalgunha maneira motiva que a xente veña para Burela, que se asente en na nosa vila e faga un proxecto de vida aquí porque pode contar cunha escola infantil de primeiro orde máis a complementaria que temos xa instalada fai tempo. En total entre unha escola e a outra hai aproximadamente 170 prazas no noso concello”.
O alcalde dixo que “é unha satisfacción para todos, para os usuarios pero tamén para os responsables institucionais porque sempre contar con este servizo é unha gran cousa. Por un lado motivamos a conciliación familiar e laboral, pero tamén que a xente se anime a ter fillos que polo menos agora van ter unha axuda no futuro”.

Exit mobile version