Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde e varios membros do equipo de goberno participaron esta mañá na concentración que tivo lugar no centro de saúde en contra da supresión da área sanitaria da Mariña. Suárez Barcia dixo que “queremos deixar de ser a periferia da periferia”

200917 Foto concentración sanidade 2Ribadeo, 20 de setembro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, esta mañá participou xunto a outros membros do equipo de goberno na concentración celebrada ás portas do centro de saúde e convocada polo colectivo sanitario para amosar o rexeitamento dos ribadenses á supresión da Área Sanitaria da Mariña. O rexedor subliñou que “queremos deixar de ser a periferia da periferia”.
Suárez Barcia declarou: “estamos nesta concentración que convoca o colectivo sanitario para protestar contra a supresión da Área Sanitaria da Mariña, sendo uns máis, como cidadáns, pero tamén como representantes institucionais lexítimos do pobo de Ribadeo, que queremos dicirlle á Xunta que así non se fan as cousas e que non queremos que a Área Sanitaria da Mariña desapareza, que non queremos que o Hospital da Costa pase a ser un gran ambulatorio”.
Para o alcalde “por moito que existan a día de hoxe obras de ampliación, trátase de aumento de espazos pero non de servizos, nin moito menos. Queremos deixar de ser a periferia da periferia. Somos unha comarca de máis de 80.000 habitantes que ten moitos problemas, pero non queremos que o da sanidade sexa un dos máis graves que agora mesmo poidamos ter. Non queremos ter que facer como hai 30 anos, antes de que houbera o Hospital da Costa: que para calquera cousa importante teñamos que acabar indo a Lugo”.
E engadiu: “vamos combater civicamente e democraticamente con todos os instrumentos que teñamos para facerlle reflexionar a esta xentiña do goberno do PP da Xunta de Galicia”.
Xunto ao alcalde, aos traballadores do centro de saúde e aos veciños e veciñas de Ribadeo estiveron os concelleiros e concelleiras de Servizos Sociosanitarios, Desenvolvemento Local e Limpeza Viaria.

Exit mobile version