Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela presenta unha moción para axilizar o inicio da tempada 17/18 no fútbol sala galego

Burela, 13 de Setembro de 2014. Nos último tempos, no ámbito do fútbol sala viuse producindo unha negociación para unificar as federacións de fútbol e fútbol sala. Estas negociacións non deron nunca os froitos desexados pola falta de acordo entre os dirixentes dos dous organismos, que nunca contaron cos clubs, profesionais e xogadores afectados, moitos deles menores de idade.
O 30 de Xuño de 2017 a Xunta de Galiza, por medio da Secretaría Xeral para o Deporte, publicaba unha resolución na que revocaba a Federación Galega de Fútbol Sala (FGFS) como federación deportiva galega e anulaba a inscrición da mesma no Rexistro Entidades Deportivas de Galiza. Esta decisión foi tomada de xeito unilateral ante a insistencia da Federación Galega de Fútbol (FGF) pertencente á RFEF para facerse cargo desta modalidade, unha das teimas do seu novo presidente Rafael Louzán.
Os clubs, que miraban con desconfianza estes movementos, presentaron a súa mellor predisposición ante a nova situación e agardaban as indicacións que lles chegaban dende o seu novo fogar para comezar a funcionar na tempada 17/18. Sucedéronse as reunións para dar a benvida ós interesados e explicarlles como transcorrerían as competicións, sen que estes encontros servisen para clarexar as dúbidas que se ían plantexando, para o que se ofrecían os contactos tanto telefónicos como electrónicos da FGF.
Aínda que algúns clubs xa coñecen o funcionamento da FGF, debido a que a División de Honra Xuvenil é unha competición de RFEF e está regulada a nivel administrativo pola FGF, non tardaron en chegar os problemas en torno ás licencias federativas tanto de xogadores como de delegados e oficiais. Algúns destes problemas eran vellos, coma o das licencias para xogadores de orixe estranxeira que non están en posesión de Documento de Identidade, por moito que dende a propia federación insistan en que xa o teñen solucionado, posto que seguen a discriminar a estes rapaces. Esta situación parte de sancións que foron impostas a grandes clubs españois e europeos por contratacións ilegais de menores procedentes do estranxeiro, realidade que nada ten que ver co caso destes rapaces ós que non se lles tramita a licencia, e con ela o seguro; mentres que un dos equipos sancionados, o Atlético de Madrid, esquiva a súa sanción contratando un xogador e empregando un equipo ponte, ó que a RFEF lle tramita a súa licencia federativa para xogar ata Xaneiro, cando chegará a ese equipo, sendo público que xa o ten fichado. Ábrese a man cos fortes e péchase cos débiles.

Outro dos grandes problemas chega para pequenos colectivos, asociacións ou mesmo concellos que non están acostumados nin preparados para a burocracia da FGF, á hora de tramitar licencias e inscribir equipos. Trátase da competición local e escolar, aínda que nun primeiro momento a federación non tiña intención de mudar o que xa había, logo botando cálculos sobre o número de licencias que lles aportaría fixéronse cargo do deporte escolar.
Todo moi sinxelo, ata que as entidades comezaron a plantexar dúbidas, facer chamadas, pedir aclaracións ou solicitar que lles deixaran inscribir nenos para poder adestrar e xogar amigables. Segundo din os clubs, sucédense as faltas de respecto e os desplantes dos que se cualificaron nas reunións coma irmáns xemelgos. Para os afectados o trastorno é brutal porque dificulta o inicio de tempada e supón unha perda de motivación, confianza e afección entre os pequenos deportistas, que poden chegar a desanimarse vendo que non poden comezar a facer o que mais lles gusta, practicar deporte.
Todo isto pola ambición de quen ve o negocio do reparto televisivo da RFEF e das mutualidades, cando o que se agocha tralas licencias son menores que só queren xogar. A FGF que preside o popular Louzán pasará a ocupar un dos primeiros postos entre as territoriais ó contar coas fichas de fútbol sala, polo que percibirá unha cantidade meirande polos dereitos televisivos da Real Federación Española de Fútbol.
Isto está publicado na prensa.
Débese ter en conta que os clubs non pediron formar parte dunha ou outra federación, nin solicitaron cambio algún, simplemente son vítimas da irresponsabiliade duns dirixentes que nunca lles consultaron nada e seguen sen facelo.

Por iso pedimos do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Burela a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1.- Instar á Xunta de Galicia a que esixa da Federación Galega de Fútbol que se desbloquee de xeito inmediato a situación n@s nen@s e rapaz@s burel@s e galeg@s que se están vendo afectad@s actualmente na tramitación das súas licenzas de tal forma que poidan estar inscrit@s para poderen participar durante a presente tempada 2017/2018.

2.- Instar á Xunta de Galicia a elevar unha proposta á Federación Galega de Fútbol e ao Consello Superior de Deportes para evitar a discriminación d@s nen@s e moz@s galeg@s de procedencia estranxeira na obtención da licenza federativa para poder participar en competicións de base, eliminando a aplicación dunha normativa que nace para evitar o abuso das sociedades anónimas deportivas, por ser unha norma discriminatoria e contraria ao valor integrador do deporte.

3.- Instar á Xunta de Galicia a que esixa da Federación Galega de Fútbol que trate os clubs de fútbol sala con pleno dereito e respecto atendendo as súas peticións, adaptándose á súa realidade e poñéndose a súa enteira disposición para facilitar os trámites necesarios, xa que non solicitaron pertencer a esa entidade nin que desaparecese a FGFS.

Exit mobile version