Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG esixe unha investigación sobre un posible fraude nos parques de bombeiros e non descarta trasladalo á fiscalia

IMG_0931Lugo, 19 de setembro de 2017. O representante do BNG no Consorcio de Bombeiros da provincia de Lugo vai esixir na reunión do pleno deste organismo que se celebrará o vindeiro luns 25 de setembro que se leve a cabo unha exhaustiva investigación sobre os incumprimentos das cláusulas de concesións por parte das empresas concesionarias dos parques comarcais de bombeiros da provincia de Lugo. As empresas adxudicatarias son Veicar e Natutecnia e xestionan os parques de Chantada Viveiro, Barreiros, Chantada, Sarria, Monforte e Vilalba.
Estes incumprimento por parte das empresa foron denunciados días atrás polo comités de empresa da provincia e fixéronse chegar a todos os grupos políticos da Deputación, así como á dirección do consorcio. “Resulta totalmente inaceptábel que persoas comodamente sentadas no seu despacho especulen cos cartos dos traballadores que se xogan a vida apagando os lumes”manifestou o voceiro do BNG Xosé Ferreiro.
“Esta investigación tan só será efectiva se se leva a cabo por persoas independente, totalmente alleas ás empresas e ao propio consorcio, dado que son cantidades elevadas as que se están a defraudar segundo este informe dos representantes do persoal e para que isto ocorrese, tiveron que contar co consentimento de algún estamento do propio consorcio” sinalou Ferreiro.
O BNG tamén porá enriba da mesa a necesidade de que os cartos que se puideran ter defraudados sexan devoltos ás arcas do Consorcio, así como que se tomen medidas contra as empresas, chegando incluso á rescisión do contrato se fose necesario. Outro aspecto tamén fundamentas sería coñecer as persoas responsábeis de que esta situación se producira, tomando tamén as medidas oportunas.
“Dende o BNG non descartamos levar estes informes á Fiscalía para que esta investigue, no caso en que a dirección do consorcio non a faga co rigor necesario ou se o resultado desta non sexa o claro, transparente e contundente que debera”, afirmou o deputado Xosé Ferreiro
Hai que lembrar que aos bombeiros de Lugo estáselles a “regatear” os fondos necesarios para igualarlles o salario cos outros traballadores de Galiza e mentres tanto parece que se lles permite que as empresas concesionarias levan a cabo este tipo de prácticas.
Os incumprimentos denunciados polos traballadores, de xeito resumido, son:
– Ausencia da formación aos traballadores comprometida nos contratos
– Ter nalgúns momentos menos traballadores contratados dos que se especifica no contrato.
– Non ter operativa a bolsa de traballo para contratacións temporais.
– Non se substitúe ao persoal cando hai baixas ou ausencias imprevistas.
– Non se substitúen os vehículos avariados.
– Non se subministran os uniformes contemplados nas melloras ofertadas pola empresa.
– Exceso de horas traballadas e ausencia das melloras sociais para os traballadores.

Exit mobile version