“O lóxico é que cando se contrata un servizo a unha empresa se faga unha previsión de cal vai ser o custo. Por un lado, para saber se hai capacidade para afrontalo e, por outro, para poder solicitar varias ofertas e escoller a máis beneficiosa para o Concello”, explica a portavoz municipal, Ana Ermida.
Segundo explican desde o BNG, os traballos de limpeza que se realizaron nas praias con maquinaria durante todo o verán foron adxudicados directamente a unha empresa. Sen saber previamente o custo e sen comparar por se había ofertas mellores.
“É unha mostra de como se xestionan os cartos de todas e todos en Barreiros: adxudicándoos directamente a quen o Alcalde e o seu goberno queren e sen importar o impacto que vaia ter na, xa ben precaria, economía municipal.”
Depósito dos residuos nos contedores do lixo.
Pero ademais, desde o Bloque Nacionalista Galego aseguran que o goberno barreirense lle permitiu a esta empresa o que prohibe ás veciñas e veciños. “Todos os días, día tras día, os residuos retirados das praias como caixas de plástico grandes, redes ou madeiras eran depositados a carón dos contedores do lixo e, despois, pasaban recollerse con un camión do Concello”, aseguran.
“Este modo de actuar, non se lles permite ás veciñas e veciños que son advertidos reiteradamente desde a Alcaldía de que se depositan residuos non permitidos nos contedores non serán recollidos. Incluso se teñen enviado comunicados á prensa nos que Alfonso Fuente aseguraba que os problemas na recollida do lixo viñan motivados porque a xente depositaba os residuos inadecuados nos contedores”, relata Ana Ermida.
Para o grupo nacionalista “este xeito de actuar, ademais de discriminatorio e inxusto, demostra que o goberno municipal, unha vez máis, incumpre –ou deixa incumprir- as súas propias normas cando lle interesa e con quen lle interesa, facendo que no Concello de Barreiros non exista ningún tipo de norma mínima de convivencia que poida facerse cumprir, xa que son os primeiros incumpridores”, conclúen.