Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello adxudicoulle á empresa Cazás as obras de mellora de beirarrúas en varios puntos de Burela. O investimento ascenderá a uns 58.000 euros. Actuarase nas rúas Castelao, do Colexio e Nosa Señora do Carme

Burela, 23 de setembro de 2017. O Concello ven de adxudicarlle á empresa Cazás as obras de mellora de beirarrúas en varios puntos da localidade cun investimento de 58.283,97 euros. As actuacións previstas levaranse a cabo nas rúas Castelao, do Colexio e Nosa Señora do Carme.
O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, anunciou que “se procedeu a abrir o sobre das ofertas que había para unha obra do Plan Único referido á reposición de baldosas e de beirarrúas en Burela. O adxudicatario desa obra foi Construcións Cazás, unha empresa de Burela, e a oferta económica que fixo foi a mellor, 58.283,97 euros con IVE incluído. A firma aceptou facer a mellora que se propoñía nese proxecto”.
O edil socialista detallou que “as actuacións que se van levar a cabo van ser fundamentalmente na rúa Castelao, onde hai tramos de beirarrúas que están realmente deteriorados. Imos tamén rematar unha obra que xa fixeramos unha parte en anteriores fases, que é no tramo da rúa do Colexio, quedaba unha beirarrúa sen facer e metémola neste proxecto para rematar esa obra”.
Fernández Rey engadiu que “no concepto de melloras que a empresa aceptou facer imos meter tramos da rúa Nosa Señora do Carme, xa que somos conscientes de que está nun estado que non é o mellor”.
O concelleiro de Obras en Burela asegurou que “imos seguir actuando en máis beirarrúas en canto poidamos xa que sabemos que hai algunhas nas que se leva tanto tempo sen facer ningunha inversión nin obra que están defectuosas e intentaremos chegar a todas aquelas que nos sexa posible”.

Exit mobile version