Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela adxudicou unha obra para a mellora da accesibilidade á empresa Cazás, de Burela. O presuposto ascende a 23.000 euros e o concelleiro Ramiro Fernández Rey agarda que os traballos se inicien en outubro

Burela, 21 de setembro de 2017. O Concello ven de adxudicar unha obra para mellorar a accesibilidade en varias rúas céntricas da vila. O presuposto é de 23.000 euros. O edil Ramiro Fernández Rey agarda que os traballos dean comezo en outubro. Tamén inclúen a colocación dun sumidoiro lonxitudinal na rúa do Río.
O concelleiro de Obras explicou este mediodía que “desde o Concello de Burela procedemos á adxudicación dunha obra que nós entendemos que é moi importante, pois trátase da mellora da accesibilidade nas rúas céntricas de Burela. Esta actuación, que vén encadrada dentro do Plan Único da Deputación, foi adxudicada cun prezo 23.161,65 á empresa Cazás, de Burela”.
Ramiro Fernández dixo que “é unha obra que é moi importante para este equipo de goberno posto que a intención é mellorar a accesibilidade, sobre todo para a xente que ten máis dificultades para moverse polo pobo. Ademais disto inclúe unha actuación que xa anunciamos anteriormente, que é a colocación dun sumidoiro lonxitudinal na rúa do Río, que entendemos que vai evitar ou minorar que, en caso de grandes choivas, se poidan producir inundacións na Avenida Arcadio Pardiñas, como veu pasando durante moitos anos. Esta é unha actuación que nos viñan reclamando moitos comerciantes da Avenida Arcadio Pardiñas. É un sumidoiro que vai conseguir que a auga non chegue en tanta cantidade a esa rúa, pois vai ter unha conexión directamente ao río, co cal entendemos que se vai minorar moito ese problema que había aí”.
Para o edil burelés “esta é unha obra importante. Nosoutros temos que ter en conta á xente que ten máis dificultades. Vamos adaptar á normativa moitos pasos nas beirarrúas e vamos facer outras actuacións novas, unhas das máis importantes van ser nos colexios e na nova gardería, onde aínda non estaban adaptados os pasos para persoas con discapacidades nesas zonas”.

Exit mobile version