Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo construirá unha pista de skate no parque Raíña Sofía de San Cibrao

220917 SkateCervo, 22 de setembro de 2017.- O Concello de Cervo contará cunha pista de skate profesional (bowl skate) que se construirá na zona do parque Reina Sofía, detrás da Casa do Mar.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, desprazáronse ata a zona onde se vai instalar, e alí reuníronse con membros do Club Limosa Surf, para falar do proxecto; pensado e definido conxuntamente.

A nova instalación será construída no mesmo centro de San Cibrao, en formigón, con fondos municipais e suporá unha inversión que rondará os 70.000 euros.

Tal e como apuntou o rexedor “cremos que aportará modernidade e dinamismo ao centro da vila, dándolle incluso un toque máis urbanita”.

Villares sinalou que a nova infraestrutura quedará perfectamente integrada na contorna e foi concibida como un punto de encontro para a mocidade do Concello, con fin de que poidan desfrutar ao tempo deste deporte que podemos considerar alternativo; e ver incluso a figuras e profesionais do skate en Cervo, “que sabemos que se desprazarán ata aquí, porque contaremos cunha das poucas pistas homologadas para este tipo de competicións que hai en Galicia, e a única na Mariña de Lugo, destas características”.

Esta nova instalación vai en consonancia coa filosofía que perseguimos dende o Goberno “apostando decididamente polo deporte no seu conxunto e en todas as súas facetas; tendo en conta ademais que a afección que hai a día de hoxe entre a xente nova polo mundo do patín”.

O rexedor sinalou que o o parque biosaudable urbano que está ubicado nesa zona do Parque Reina Sofía non verá alterado en ningún caso o seu funcionamento a raíz da instalación desta pista “porque a noso obxectivo pasa tamén por fomentar e promover a actividade deportiva e os hábitos de vida saudable entre os nosos maiores; conseguindo deste xeito que convivan diferentes ambientes e diferentes xeracións nunha mesma zona na que terán un importante protagonismo o ocio e o deporte”.

Exit mobile version