Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo realiza estes días traballos de mantemento e limpeza profunda na rede de saneamento de San Cibrao

200917 mantemento depuradora San CipriánCervo, 20 de setembro de 2017.- O Concello de Cervo realiza estes día traballos de mantemento e limpeza profunda na rede de saneamento de San Cibrao.
En concreto, estase a actuar no tanque de tormentas, ubicado no centro da vila, no parque Reina Sofía.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, xunto aos ténicos municipais, estiveron supervisando os traballos levados a cabo por unha empresa especializada e que, tal e como explicaron, consisten en “limpar en profundidade os sólidos que se foron acumulando nos colectores, que é o nudo de conexión de toda a rede de saneamento de San Ciprián; son uns traballos que repetimos como mínimo catro veces no ano e que supoñen para as arcas municipais un custe duns 12.000 euros”.
O alcalde engadiu que son actuacións que se veñen a sumar á supervisión e mantemento diario que vimos facendo dende o Concello en toda a rede de saneamento, a través dos técnicos municipais, porque a nosa aposta sempre foi dirixida cara unha xestión pública; “un control exhaustivo que desenvolvemos en diferentes puntos como a zona do porto, a praia de Cubelas, ou o tanque de tormentas; e que é un esforzo que dá un resultado que nos satisface porque as analíticas que realizamos regularmente son sempre favorables dende a posta en funcionamento desta EDAR no ano 2015”.
Villares puntualizou que son varias as analíticas mensuais que se esixen para comprobar o correcto funcionamento do sistema; e, a maiores nós contamos cun laboratorio propio totalmente autónomo dende o que os técnicos municipais realizan controis diarios e “sempre cumprimos os parámetros fixados, o que quere dicir que a calidade da auga que sae depurada, e vai cara o mar, é a óptima; así o revelan as analíticas que se realizan tanto na propia EDAR, como á saída da depuradora, e en diferentes zona do medio mariño”.
Villares apuntou que é “unha satisfacción ver que temos unha rede de saneamento que funciona, respectando o medio ambiente, e que queremos compartir coa veciñanza, porque son traballos e servizos soterrados, que non se ven, pero tremendamente importantes; e temos que ter en conta ademais -engadiu- que este sistema de depuración funciona con garantías dende o ano 2015, cando se puxo en funcionamento a EDAR, xa que antes “todos os vertidos de augas residuais ían directamente ao mar, sen ningún tipo de filtro, nin tratamento; de ahí a relevancia de contar cunha rede de saneamento como a que temos e de estar constantemente pendentes da súa correcta actividade”.
Todos os residuos que se están a retirar son conducidos en colectores illados, e nun transporte especial a un centro de transformación e reciclado.

Exit mobile version