Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello promove un proxecto de dixitalización do patrimonio musical mindoniense para que persista ao longo dos séculos e poida ocupar un lugar importante dentro do repertorio internacional

Mondoñedo, 22 de setembro de 2017.- O Goberno local promove un proxecto de dixitalización do patrimonio musical mindoniense co obxecto de que non se perda e persista ao longo dos séculos, podendo ocupar un lugar importante dentro do repertorio musical a nivel internacional.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o edil de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Alberto García, deron hoxe a coñecer esta iniciativa que consiste en dixitalizar as obras que teñen os veciños na súa propiedade. Este proxecto vaise desenvolver na Escola de Música e o arquivo dixitalizado do material gardaríase en Mondoñedo e sería difundido a todos os centros culturais de referencia que así o solicitasen.

Dun xeito máis preciso, Alberto García explica que este proxecto vai resultar moi laborioso, xa que “entendemos que poden existir obras moi antigas e será preciso tratalas co máximo coidado e delicadeza”. Todo o material musical existente sería escanado, e no caso de non ser posible, sería transcrito e sempre devolto aos seus propietarios á maior brevidade posible. Os propietarios deste material engrosarán unha lista de persoas que cederon material cultural e os seus nomes figurarán, co consentimento dos mesmos, expostos ao público e coma participantes de honra neste proxecto.

O director da Escola de Música, Xan Carballa, indica que esta idea de dixitalizar obras musicais que están gardadas nos faiados dos fogares “é algo que se tiña que facer para non perder estas obras musicais e así, poñelas tamén á disposición de todo o mundo, sempre baixo a custodia da Escola de Música. Este proxecto consiste en que os que desexen colaborar se despracen ata a Escola de Música, o persoal arquiveiro procederá a escanealo e as partituras serán devoltas o mais rápido posible para ocasionar os menores trastornos aos seus propietarios”.

Por este motivo, dende o Concello solicitan a colaboración dos veciños e veciñas para que este proxecto de dixitalización do patrimonio musical mindoniense se poda levar a cabo. “Pedimos concienciación e agradecemos a todos os mindonienses que se sumen a esta iniciativa para poñer en valor o patrimonio cultural local”

Por último, Elena Candia precisa que unha das tarefas principais deste Concello “é por en valor todo aquelo que contribúa a facer medrar o noso patrimonio cultural. A música sempre estivo moi presente en Mondoñedo e por ese motivo queremos que ese patrimonio non se perda e persista ao longo dos séculos e poda ocupar un lugar importante dentro do repertorio musical internacional”. Neste sendo, a rexedora engadiu que “a música, ao igual que a literatura, faise grande canto máis se difunde e canta máis xente a coñece. Esa é a nosa misión, que se poda coñecer a nosa cidade, aos nosos intelectuais e aos nosos veciños fóra das nosas fronteiras”.

Exit mobile version