Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación dota dun novo centro á única asociación de enfermos mentais da Mariña Lucense

FOTO NOVO CENTRO BURELA 2Lugo, 19 de setembro de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou este martes que o Goberno Provincial dotou dun novo centro de día á Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, á única asociación que atende a estes pacientes en dita comarca, situado no Concello de Burela. O Goberno Provincial financiou na súa totalidade estes traballos con 40.000 euros, permitindo o traslado deste colectivo a un novo inmoble e mellorando, deste xeito, a calidade de asistencia aos usuarios. O titular provincial supervisou hoxe as actuacións levadas a cabo nestas instalacións, xunto á Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o Alcalde de Burela, Alfredo Llano García. Fixérono acompañados pola Presidenta deste colectivo, María Iris Castro Meitín e a Directora, María José Novoa Rodríguez.

Campos Conde subliñou que “coa apertura deste novo centro melloramos a calidade de vida dos usuarios e a prestación de servizos por parte dos profesionais da Asociación, xa que se trata dun local máis céntrico, situado ao lado da estación de autobuses e tren, en planta baixa, con baño adaptado e sen ningún tipo de barreira arquitectónica, pois o antigo centro estaba situado nunha casa de dous andares comunicada por escaleiras e sen baños adaptados, o que prexudicaba o día a día dos usuarios. Melloramos deste xeito a accesibilidade e a integración dos usuarios, facilitando o acceso tanto aos usuarios como ás súas familias, xa que moitos dos pacientes chegan en transporte público”.

Así mesmo, con estas obras o Goberno da Deputación consegue que as instalacións da Asociación se adapten á Lei 8/1997, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, así como, ao decreto 35/2000, que regula o desenvolvemento e execución desta Lei.

Novo edificio en funcionamento
O novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral, que funciona como centro de día, xa se atopa en funcionamento. As obras levadas a cabo neste inmoble consistiron na división dos espazos, e a realización de todos os traballos precisos para o seu acondicionamento e posta en marcha, como os de fontanería, electricidade ou pintado dos diferentes espazos. Cómpre subliñar que, ademais da achega de 40.000 euros para financiar estas obras, o Goberno da Deputación colabora con este colectivo cunha axuda de 5.000 euros para sufragar os gastos de funcionamento deste centro de día.

A posta en marcha deste novo centro rehabilitador, permitirá que as persoas afectadas poidan recuperar ou adquirir aquelas habilidades psíquicas, emocionais, sociais e intelectuais que cada unha necesita para vivir, aprender, traballar e relacionarse na comunidade co maior grao posible de autonomía e independencia, en igualdade de condicións de accesibilidades entre eles.

Encontro cos usuarios
Campos Conde e López Izquierdo mantiveron un encontro cos usuarios do novo centro, onde puideron coñecer algúns dos talleres que se imparten como o de Lavandería Industrial. Así mesmo, o Presidente recibiu unha placa artesanal, feita polos usuarios da Asociación, como agradecemento.

A continuación, o titular provincial e a delegada da Área de Benestar desprazáronse á residencia da Asociación no Concello de Cervo, onde percorreron as instalacións acompañados polos pacientes. Estas instalacións tamén foron adaptadas no ano 2013 grazas a unha achega de 225.000 euros do organismo provincial.

Servizos da Asociación
A día de hoxe, a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña é a única entidade que traballa en prol dos dereitos e a mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias na Mariña Lucense, atendendo a familias de 16 Concellos desta comarca: O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo, e no interior Ourol, Alfoz, O Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo, Trabada, Riotorto e A Pontenova.

En total, conta con tres centros especializados en Burela, onde atende a 25 usuarios; Ribadeo, onde presta servizo a 20 pacientes; e Cervo, municipio no que se sitúa a única residencia para enfermos mentais da provincia de Lugo, e que conta con 21 usuarios na actualidade. Cómpre subliñar que tan só hai 4 residencias que presten este servizo en toda Galicia, ademais da de Cervo, atópanse as de A Peroxa (Ourense), Cee (A Coruña), e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

18 anos de atención a pacientes e familiares
Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña” é unha asociación de axuda ó enfermo mental que se fundou en 1999 por familias afectadas pola problemática da enfermidade mental unidos por un obxectivo común: acadar que ós enfermos mentais e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia continuada, buscando a integración dos mesmos na sociedade e na vida da comunidade, e fixando como obxectivo prioritario a súa rehabilitación psicosocial e laboral.

Exit mobile version