García Porto remarcou a importancia e o recoñecemento que merece a obra de Siro López. “Esta mostra é a primeira retrospectiva que se fai deste artista. Nela amósase unha ampla escolma da súa extensa obra, onde se pode coñecer todas as súas facetas artísticas dende debuxo, deseño (foi o autor do proxecto da praza do Humor da Coruña), pintura, caricatura, sen esquecer a súa actividade como escritor; un eido no que cultivou xéneros como a narrativa, o teatro e, sobre todo, o ensaio, campo no que destacan os seus traballos Castelao humorista e Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo”.
A Deputada cualifica a obra do ferrolán como “un herdeiro de Castelao, pero ao mesmo tempo creador dun estilo propio. Siro é, ante todo, un humorista gráfico. Un artista que, ao longo de case 50 anos, soubo reflectir de forma cómica a realidade histórica, social e cultural de Galicia e de España. Fíxoo a través das súas colaboracións diarias na prensa, sobre todo no xornal La Voz de Galicia, no que foi desvelando en clave de humor o acontecer diario da vida política española, e onde compre destacar a súa serie sobre a transición política, imaxes que aínda hoxe constitúen unha historia gráfica deste período da nosa historia recente”, resumiu.
Un autor polifacético
Siro López Lorenzo, nado en Ferrol en 1943, é un polifacético artista cunha actividade que abrangue a caricatura, a ilustración, a pintura e o deseño, ademais da súa faceta como escritor. De formación autodidacta (de cativo, pintar e debuxar era o que máis lle gustaba facer) dáse a coñecer, en 1970, na revista Chan, da man de Borobó. Neste mesmo ano, por iniciativa de Xaime López e apadriñado por Miguel González, fai a súa primeira exposición no antigo local de “Toxos e Froles” de Ferrol, mostra que tivo un enorme éxito.
Siro non se limitou á caricatura e ao humorismo gráfico, senón que, como bo artista que é, foi ampliando os seus horizontes artísticos para incluír a paisaxe e o retrato e, máis recentemente, o debuxo con Ipad. Ademais, xunto con Xaquín Marín impulsou un manifesto en defensa do humor, do que naceu a idea do que hoxe é o Museo do Humor de Fene.
Autor dunha extensa obra gráfica, destacan os seus álbums: Os pecados capitais; 18 espidos de muller; Xente na brétema; In saecula saecularem, amen; Probes homes, Debuxos de humor, Cofrades do Cristo da Autonomía, A Autonomía galega nas caricaturas de Siro, etc.