Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno local pon en valor iniciativas como ‘Florea o teu Balcón’ xa que permiten, coa contribución dos veciños, mellorar a imaxe que proxecta Mondoñedo

16092017Florea o teu Balcón 1Mondoñedo, 16 de setembro de 2017.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o concelleiro de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Alberto García, fixeron entrega hoxe dos premios aos galardoados no II Concurso de ornamentación de balcóns e fachadas ‘Florea o teu Balcón’, durante un acto no que puxeron en valor este tipo de iniciativas, que contribúen a mellorar a imaxe que proxecta a cidade grazas á contribución dos cidadáns.

Durante a entrega de premios celebrada no Salón de Plenos da Casa do Concello, os veciños que ocuparon os primeiros postos no concurso recibiron cadanseu diploma acreditativo para colocar xunto ao balcón e unha recompensa económica, que ascendeu á unha contía de 250 euros para o primeiro posto; 200 euros para o segundo, 150 euros para o terceiro; 100 o cuarto; 75 euros para o quinto premio e, por último, 50 euros para o sexto premio.

Alberto García lembra que, do primeiro ao sexto, os galardoados foron Albina Iglesias Verdes (Avda. San Lucas, 6); Cristina de Palacios Caro (Praza da Catedral, 12); Ángeles Sánchez Armesto (Carroceira, 7); Óscar López López (Muíños de Arriba, 9); Berta Ares Rubiños (San Lázaro, 121);e José Manuel Losada Moreda (Progreso, 20).

No transcurso do acto, o edil de Educación quixo agradecer a colaboración e a boa acollida que un ano máis tivo este concurso por parte dos veciños e veciñas ao tempo que valorou de xeito moi positivo os resultados acadados ata o punto de que a boa calidade dos traballos chegou a provocar que o fallo do xurado estivese moi disputado, incluso se tivo que votar ata dúas veces para elixir os primeiros postos.

Alberto García, quen tamén agradeceu a implicación amosada polos membros do xurado, defende que a contribución cidadá “axuda en moi boa medida a poñer máis bonita a nosa cidade” e incluso este tipo de iniciativas, engade, sumaron en positivo para que o Concello recibise recoñecementos como o Premio Turismo de Galicia pola súa aportación ao Camiño Norte.

Polo tanto, dende o Goberno local valoran a enorme importancia que ten a contribución cidadá á hora de mellorar a imaxe de Mondoñedo, e consideran que con estas iniciativas, sumadas ao traballo promovido dende o Concello, “conseguiremos ofrecer a mellor cara da nosa cidade ante os visitantes”, precisou a alcaldesa de Mondoñedo.

Neste mesmo eido, Elena Candia tamén anunciou que dende o Goberno local se está a traballar na fórmula que nos permitirá dar “un paso máis neste eido e motivar á xente para que pinte e acondicione as fachadas das vivendas”

Recepción no Concello
Pola súa banda, a alcaldesa de Mondoñedo recibirá esta tarde no Salón de Plenos da Casa do Concello á Federación do Noroeste da Peña do Athletic Club de Bilbao. Elena Candia promocionará entre os membros da Federación os recursos turísticos da localidade, aos que fará entrega dunhas entradas para visitar a Cova do Rei Cintolo.

Esta visita da Federación do Noroeste da Peña do Athletic Club de Bilbao está organizada pola Peña Iribar de Foz, e durante a súa estancia na cidade teñen previsto acercarse ata a Catedral.

Exit mobile version