Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do PP interesarase no Pleno polos plans que a Deputación ten para rehabilitar o pazo mindoniense de Bon Aire

pazo (2)Lugo, 22 de setembro de 2017.- O Grupo Provincial do PP presentará unha pregunta no Pleno da Deputación para coñecer os plans que o Goberno de Darío Campos ten para rehabilitar o pazo mindoniense de Bon Aire, situado xunto á igrexa parroquial de Masma, unha vez que está a piques de rematar o convenio para a súa cesión co Bispado, o seu propietario.

Os populares precisan que a infraestrutura leva anos completamente abandonada e presenta un estado ruinoso, o que dificulta que poida dárselle uso. Indican ademais que o convenio asinado no seu día entre a Deputación e o Bispado establece que o edificio ten que volver ao seu propietario no seu estado primitivo. Sendo así, a Deputación tería que intervir e acometer a súa recuperación antes da súa entrega.

Desde o Grupo Provincial do PP agardan que o Goberno do socialista Darío Campos conte cun plan e un calendario de actuacións de cara a recuperar e rehabilitar este pazo, emblemático na cidade de Mondoñedo. De non ser así, os populares converterán a súa pregunta nun rogo para que a Deputación actúe á maior brevidade posible no inmoble de cara á súa recuperación.

Visita de Besteiro no ano 2007
Na década de 1980 o pazo foi cedido pola Deputación a unha asociación de toxicómanos para labores de desintoxicación e de rehabilitación. Anos despois un incendio destruíu o edificio case por completo e desde entón o seu estado é de total abandono. Xa no ano 2007 nunha visita do presidente socialista Gómez Besteiro apuntaban a necesidade de recuperalo, intención á que se sumaba o tenente alcalde, tamén do PSOE, Modesto Díaz.

Desde o PP interesaranse no Pleno por saber se o Goberno da Deputación ten previsto realizar algunha intervención a curto prazo no pazo de Bon Aire, dada a complexidade da rehabilitación do pazo, sobre todo en termos económicos, e respectando a negociación que poida existir entre as partes. “Non podemos ocultar que nos preocupar que siga estando así, polo que esperamos as explicacións oportunas por parte da Deputación”, resumen os populares.

Exit mobile version