Site icon Crónica3.com A Mariña

O martes de entroido volverá ser festivo local en Burela no 2018. Así o anunciou o alcalde, Alfredo Llano

Burela, 18 de setembro de 2017. O martes de Entroido volverá ser festivo en Burela no 2018. Así o anunciou nesta xornada o alcalde, Alfredo Llano. Este será un dos asuntos que irán ao pleno ordinario do vindeiro 28 de setembro.
O rexedor contou que “un dos festivos locais é o luns das festas patronais, que xa está así fixado sempre, e o outro vai volver a ser o martes de Entroido”.
Llano lembrou que “este ano 2017, despois dun intercambio de opinións e valoracións coa asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Burela, decidimos facer festivo o luns de Entroido, máis que nada para favorecer ao desfile do domingo, que quedou moi ben. Trátase de potenciar este tipo de eventos para traer a máis xente a Burela. Pero para o ano que vén o festivo será o martes de Entroido, aínda que se vai seguir facendo o desfile o domingo. Houbo moita participación nesta pasada edición e consideramos que para o ano que vén pode seguir habendo esa mesma participación e incluso máis o domingo, pois ese día haberá o desfile, a entrega de premios e verbena ata unha hora concreta, non moi tarde”.
O alcalde recalcou que “o día festivo volverá ser o martes porque hai peticións, non soamente dos comerciantes senón tamén doutros veciños, porque había a costume de ter o martes de Entroido como festivo local e polo tanto imos recuperalo”.

Exit mobile version