Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén arrebata os tres puntos ao Alicante na recta final

bfs-alicante17Burela 24-9-17. O Pescados Rubén Burela FS conseguiu, esta tarde, na pista do Universidad de Alicante 3 puntos de impulso clasificatorio e sobre todo moral. O traballo das mariñás tivo ao final unha recompensa que noutras ocasións lles deu as costas, nunha cita na que non estiveron cómodas e concederon moito a un rival asfixiante, véndose obrigadas a ir a remolque ata o último minuto, con dúas dianas de Dany (3-4).

Ao Pescados Rubén Burela FS custoulle entrar ante un rival que apertaba. Nunha acción desafortunada ao comezo chegou o primeiro en contra para as de Julio Delgado, de Lara, tras rexeite de Jozi; aínda non se cumprira o segundo minuto de xogo. Dany tivo o empate no 6 e pouco despois ampliou Paula Morote, nunha contra un fronte á meta brasileira. Superado o ecuador da primeira parte o xogo das mariñás foi máis fluído, aínda que con pouco acerto ofensivo. Cumpríndose o minuto 10, Bea Mateos saltou á pista para abandeirar o xogo de cinco; a falta de tres para o descanso, o Pescados Rubén conseguiu reducir distancias, nun balón que tocou Anita (2-1).

As pupilas de Julio Delgado ofreceron un gran despregue físico e de traballo, aínda que con exceso de peso mental. Andrea ampliou a renda das locais no minuto 28 tras unha perda mariñá. Pouco despois, o 30, puido subir o cuarto UA a porta baleira. Con todo, aproveitou Cilene, no 31, para subir o 3-2 de disparo cruzado. Dany empatou de cinco a falta de pouco máis dun minuto e conseguiu rescatar os tres puntos con brillo laranxa co 3-4,con xogo de pivote, a falta de 40 segundos, sen tempo para a reacción das locais co porteira xogadora.

Compartindo liderado
O Pescados Rubén durmirá líder esta noite xunto ao Móstoles, á espera do desenlace da segunda xornada mañá co enfrontamento entre Alcorcón e Ourense Envialia (13.00 horas).

Ficha técnica
UA Alicante: Jenny, Anita, Carmen, Elenita, Lara Terres, cinco inicial; tamén xogaron Ángela, Paula Morote, Pau, Andrea, Melli
Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Lara, Julia, cinco inicial; tamén xogaron Tai, Bea Mateos, Sara Correia, Judith
Goles: 1-0, minuto 2, Lara Terres; 2-0, minuto 7, Paula Morote; 2-1, minuto 17, Anita (p.p.); 3-1, minuto 28, Andrea; 3-2, minuto 31, Cilene; 3-3, minuto 39, Dany; 3-4, minuto 40, Dany
Árbitros: Martínez Palao//Sansano Pérez (Valencia). Por Burela amarela a Dany, Bea Mateos e Judith.
Incidencias: Partido da segunda xornada de Primeira División RFEF disputado en Alacante. Minuto de silencio inicial polas vítimas do terremoto de México.

Exit mobile version