Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo explica que abandonou o pleno da corporación municipal ao sentirse agraviado polas persoas que entraron cunha pancarta cando se debatía unha proposta sobre a área sanitaria da Mariña

220917 FOTO PP RIBADEO DO PLENO DE ONTERibadeo, 22 de setembro de 2017. O portavoz do Partido Popular no Concello de Ribadeo, Jesús López Penabad, explicou que os concelleiros do PP abandonaron a sesión plenaria da corporación municipal celebrada onte “porque entraron no salón de plenos tres persoas cunha pancarta de grandes dimensións e puxéronse diante de nós a rirse e a coaccionarnos”. O voceiro municipal engade que “nos parece unha falta de respecto cara á institución que representa a todos os ribadenses”.
Jesús López Penabad declara que “neste último pleno que parecía que ía ser tranquilo porque o que se trataba eran modificacións de crédito e poñer as datas dos festivos locais e non había ningún problema. Pero si había unha proposta da Alcaldía sobre o mantemento da área sanitaria na Mariña. Estábamos dispostos a debatela porque nos parece que se pretende enganar á xente con este tema, pero tivemos que ausentarnos porque no momento en que se estaba lendo o manifesto da plataforma entraron no salón de plenos cunha pancarta dunhas dimensións considerables e puxéronse diante de nosoutros as tres persoas que a levaban e comezaron a rirse”.
López Penabad engade que “nos parece unha falta de respecto enorme cara á institución que é o Concello de Ribadeo, nun salón de plenos no que estamos para debater os distintos grupos políticos que podemos ter distintas visións, distintas ideas, como así é, e distintas posturas; de aí os votos que poden ser a favor, en contra ou abstención. O que non admitimos é que entre unha pancarta desas dimensións e nos coaccionen, porque realmente era unha coacción”.
O portavoz do PP manifesta que “estes da plataforma son exactamente os mesmos que hai uns anos, cando houbo un congreso do PP en Burela e tivemos que saír escoltados pola Garda Civil, dicían que ía pechar o Hospital da Costa. E hoxe no hospital estanse investindo 20 millóns de euros; e pódense ver as obras, non é que o digamos os do PP, é que están alí para ver, para facer un hospital do século XXI, coas necesidades que ten actualmente a sanidade da Mariña. O que están intentando vender non é máis que unha auténtica falacia”.
Jesús López Penabad subliña: “a nosa ausencia foi porque nos sentimos coaccionados totalmente; e parécenos lamentable que se lles permitira a entrada con esa gran pancarta. Ademais xa o tiñan preparado, porque había once puntos antes na sesión e entraron no momento xusto que estaba o alcalde lendo o manifesto, que para nosoutros non ten credibilidade ningunha porque o tempo poñerá a cada un no seu sitio; e xa se vai vendo porque non se entende como pode esta xente seguir dicindo toda esta cantidade de sandeces cando a realidade pódese comprobar no propio hospital”.
Para o voceiro do PP “o tempo nos dará ou nos quitará a razón, pero creo que ata o de agora o único que puxo algo no Hospital da Costa foi o goberno de Feijoo, porque o bipartito non hai tanto tempo que estivo gobernando na Xunta e durante catro anos non puxo nin un só euro. Agora mesmo van 20 millóns de euros para unha boa ampliación do Hospital da Costa”.
López Penabad dixo tamén que “quedaban dúas mocións por defender, porque era o antepenúltimo punto na orde do día e ao abandonar o pleno non puidemos debatelas. Sentímonos agraviados e o que peor nos parece é que foi unha falta de respecto cara a Ribadeo, cara ao Concello de Ribadeo e cara á institución como é o pleno municipal”.

Exit mobile version