Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia que o Concello de Ribadeo debe o pago de subvencións a varias asociacións desde hai dous anos pese a que o Alcalde presume da boa situación das arcas municipais

Ribadeo, 21 de setembro de 2017. O Partido Popular denuncia que o Concello de Ribadeo debe o pago de subvencións a varias asociacións desde hai dous anos, a pesar de que o alcalde presume da boa situación das arcas municipais.
O portavoz do grupo municipal do PP en Ribadeo, Jesús López Penabad, explicou que “dadas as declaracións que está facendo o señor alcalde con respecto á conta xeral, dicindo que o Concello está pagando nun prazo de 9 días, pedímoslle que diga a verdade e que non intente enganar á xente. Di que hai 30 días para xestionar estas facturas, entón xa non son 9 senón 39 días. Pero é que esa cifra tampouco é certa; que lle pregunten a asociacións de Ribadeo ás que lles conceden todos os anos unha subvención do Concello que aparece nos presupostos, porque levan dous anos sen cobrar esa subvención. Pagáronse este ano, a trancas e barrancas, as de 2015. Son varias as asociacións ás que lles está pasando isto. Entón que salga este señor dicindo que o Concello paga a 9 días, cando estes colectivos que están traballando por Ribadeo e pola xente do municipio levan dous anos sen cobrar, parécenos que é rirse deles”.
Jesús López Penabad engadiu que “isto é simplemente a realidade, non me estou inventando nada, porque as asociacións están nesta situación. E tamén hai empresarios que saben perfectamente que cando lle facturan ao Concello non cobran nese prazo que di o alcalde. Entón parécenos que está vendendo fume, porque a realidade non é así. Fala de que este ano hai 200.000 euros remanente a maiores; evidentemente se non paga o que ten que pagar nin hai investimentos o remanente aumenta. Parécenos moi ben que as contas vaian ben, pero cumpran co seu deber e paguen cando teñen que facelo, porque as asociacións necesitan o diñeiro desas subvencións, pois contan con eses ingresos do Concello que non reciben e non teñen outra posibilidade de acadalos”.

Exit mobile version