Site icon Crónica3.com A Mariña

O proxecto “Trouleando polo camiño norte”, que dá comezo este domingo na localidade asturiana de Salave, foi presentado no salón de actos do concello de Lourenzá

010917 PRESENTACIÓN TROULEANDO POLO CAMIÑO NORTELourenzá, 1 de setembro de 2017. O salón de actos do Concello de Lourenzá acolleu hoxe a presentación da iniciativa denominada Trouleando polo Camiño Norte, que organizan os concellos de Vegadeo,Trabada, Lourenzá e Mondoñedo e as asociacións Asturgalaica e Abrindo Camiño. No acto participaron as alcaldesas de Trabada e de Lourenzá, Mayra García Bermúdez e Rocío López García; o alcalde de Vegadeo, César Álvarez Fernández; a concelleira mindoniense Ángeles Rodríguez Rico; os presidentes dos colectivos que están na organización desta actividade, Luis Fernández Ansedes e Manuel Méndez Vázquez, e outros representantes destas asociacións.
A iniciativa consiste nun recorrido a pé “de promoción do histórico e orixinal trazado” desde Salave, en Tapia de Casariego, ata Mondoñedo, pasando por Vegadeo, Trabada e o Val de Lourenzá.
Estes itinerarios realizaranse os domingos días 3 de setembro, 8 e 29 de outubro. Desenvolveranse diversas actividades complementarias, como unha Mesa do Camiño Norte, de Concellos e asociacións do Camiño Norte no tramo que vai de Oviedo a Arzúa. Nesas sesións de traballo terá lugar a presentación do proxecto Ultreia.
As inscricións faranse nos concellos, que porán a disposición autobuses para os asistentes durante as tres xornadas de promoción deste trazado do Camiño Norte.
Este domingo, día 3 de setembro, realizarase a etapa Salave-Tol-Vegadeo, duns 17 quilómetros. Os participantes entrarán en Vegadeo acompañados por unha banda de gaitas, visitarán a feira ecolóxica Eco 21 e ás 14 horas participarán nunha espicha veigueña, na que poderán degustar gratuitamente empanada e paella.
O sábado 7 de outubro haberá unha xornada na Casa da Cultura de Trabada; ao día seguinte percorrerase a etapa Vegadeo-Abres-Trabada, duns 20 quilómetros; e o domingo 29 de outubro realizarase a etapa Trabada-Val de Lourenzá-Mondoñedo, que tamén será de 20 quilómetros aproximadamente.

Exit mobile version