Site icon Crónica3.com A Mariña

O Toxiza Clube De Montaña abriu a súa primeira ruta polo Xistral

Foto de grupo na Pena Das BanzasEste domingo 17 de setembro, o Toxiza Clube De Montaña abriu a súa primeira ruta polo Xistral. Unhas oitenta persoas desfrutaron dunha ruta diferente, sen sendeiros marcados, pensada exclusivamente para desfrutar da natureza e observar as marabillas que se poden atopar no Xistral e na súa contorna.
Denominada polo seu artíficie Xurxo Pedreira como “Ruta Das Fragas”, foi unha ruta que discorreu 17 km polos concellos de O Valadouro e Alfoz, pasando polas parroquias de O Cadramón e O Pereiro.
O punto de partida foi a Capela De Santa Filomena no Cadramón. Dende alí, a ruta seguiu pola Fraga da Furna, cunha fauna e flora únicas, onde os sendeiristas tiveron que cruzar en varias ocasións o río Ouro que por ela discorre, para logo subir ao Pico Verde, situado entre o Coto Do Cadramón e os montes do Fontao, Sameón e Lombo Pequeno. Nesta subida, poideron disfrutar dunhas vistas impresionantes do corazón da Serra do Xistral.
A continuación, seguiron a andaina polos montes da Parada e Veiga Rubia, pasando a carón do do río Masma cerca do seu nacemento, para chegar a outra fermosa fraga, a Fraga de Moradoira, na parroquia do Pereiro. Dende esta fraga dirixíronse ata un abrigo natural de gando coñecido como “Pena Das Banzas”, o cal chama a atención polas súas grandes dimensións.
Xa no traxecto final, a ruta discorreu pola Fraga das Curuxeiras, no Pereiro, cruzando polos Chaos ata o Cadramón para voltar ao punto de partida pola Fraga do Muíño das Folgueiras, Ponte da Abilleira e Fraga Do Xibao.
Dende o Toxiza Clube De Montaña queremos dar as grazas a todas as persoas que participaron e colaboraron para que esta ruta fose posible.

Exit mobile version