Site icon Crónica3.com A Mariña

Obras de acceso á igrexa e colexio de Covas

IMG_8139Viveiro 22-9-17. O CEIP de Covas inicia un novo curso escolar cuns accesos totalmente renovados grazas ás obras financiadas pola Deputación Provincial de Lugo. Estas obras, que remataron a finais de xullo, incluíanse no Convenio de Colaboracion entre a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Viveiro para a execución de fins comúns, con dúas liñas de actuación: para a mellora de infraestruturas, por unha banda, e para a promoción do turismo, pola outra; o importe total deste convenio, asinado en setembro de 2016, é de 200.000 euros.

O proxecto contaba cun presuposto de contrata de 54.224,84 e as obras consistiron no levantado de pavimento e instalacións existentes no Camiño da Igrexa e no acceso ao colexio de Covas, dotación de servizos (mellora da rede de abastecemento de auga, saneamento e pluviais e canalización do alumeado público) e reposición do pavimento mediante aplicación de aglomerado en quente de 6cm de espesor medio.

Covas é, xunto con Celeiro e o casco de Viveiro, un dos núcleos máis poboados do municipio, no que o número de vivendas existentes se incrementou de maneira notable nos últimos anos. O continuo tránsito de vehículos para acceder á igrexa e ao colexio de Covas provocou un deterioro dos viais de acceso a estas edificacións, dificultando, nalgúns casos, a circulación polos baches e socavóns que presentan. Con estas obras conseguiuse garantir o bo tránsito circulatorio nesta zona e mellorar a calidade dos servizos ofrecidos a veciños e visitantes.

Cómpre agradecer á gran colaboración da Deputación Provincial de Lugo, por ser a única que se implica verdadeiramente co noso concello e a que nos permite seguir avanzando. Nesta liña cómpre indicar que no vindeiro mes de outubro, este Concello ten previsto contratar as seguintes actuacións:

– Proxecto de pavimentación e servizos na rúa Rego da Fonte en Celeiro-Viveiro (Lugo), a licitar cun orzamento de execución de 190.000,00€ e un prazo de execución de 3 meses.
– Proxecto de pavimentación e servizos na rúa Lodeiro-Viveiro (Lugo) a licitar cun orzamento de execución de 173.000,00€ e un prazo de execución de 3 meses.

Ambas actuacións están subvencionadas pola Deputación Provincial de Lugo, estando incluídas no Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2017.

Exit mobile version