Site icon Crónica3.com A Mariña

“Por iniciativa do alcalde, a denominada plataforma sanitaria podería reunirse hoxe nun local usado por un colectivo”, afirma o PP de Burela

BURELA, 22 de setembro de 2017.- O grupo municipal do PP de Burela denunica que “existen fundadas sospeitas de que, por iniciativa do alcalde, a denominada plataforma sanitaria ten previsto reunirse hoxe nun local propiedade do Concello pero cedido no seu día á consellería de Educación da Xunta de Galicia para a realización de actividades de formación do profesorado. Trátase, precisan, da aula de informática que está xusto no baixo do Salón de Conferencias, antiga biblioteca, e agora usado por unha asociación local.
Os populares, que aclaran que “a nós non nos parece nin mal nin ben que a indicada plataforma se reúna e niso non entraremos”, engaden que “todo apunta a que a decisión foi do propio alcalde, membro da plataforma”.
“El díxolles que se ocupaba personalmente de xestionar un local municipal, en concreto o Salón de Conferencias, e así consta na convocatoria feita pola plataforma. Pero resulta que o indicado lugar estaba solicitado previamente e por escrito no Concello por outra asociación para o mesmo día e a mesma hora, co que o alcalde tería derivado a reunión á aula de informática, no mesmo edificio, pero na planta baixa”; local que, precisan, foi usado exclusivamente dende hai vinte anos pola consellería de Educación para actividades de formación do profesorado e que agora usa unha asociación local.
Desde o PP burelés consideran que “esta forma de actuar denotaría que o alcalde ten perdido totalmente o norte, actúa con despotismo e absoluto desprezo ás institucións e nin tan sequera é capaz de respectar o uso asignado aos diversos locais que ten o Concello”. Neste senso, agardan que a reunión non se leve a cabo nese local, “aínda que xa sabemos cales son as formas e actitudes deste home, que só para de mentir cando está calado”.

Exit mobile version