Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentación do curso de extracción de resina no Vicedo

20170922_133334O Vicedo 22-9-17. Este venres tivo lugar a presentación do curso de extracción da resina que se vai celebrar no Vicedo durante os próximos 3 fines de semana, chegando ao 15 de outubro.

En marzo deste ano a Asociación Nordés organizou unhas “Xornadas forestais” para falar dos usos do monte, máis alá do eucalipto, e do seu aproveitamento. A idea coa que naceu aquela xornada foi a de proporcionar alternativas para cuidar dos nosos montes, visibilizando proxectos a nivel nacional e local que podan ser tomados como exemplos para aquelas persoas que decidan ter un futuro na nosa bisbarra. Naquelas xornadas Fran Dominguez falara da potencialidade dos pinares da zona e das posiblidades de vivir do monte, a través dunha xestión integral e sostible. Co seu exemplo anunciouse hoxe este “Curso de extracción de resina” subvencionado pola Consellería de Política Social a través dos proxecto de Iniciativas locais dirixidas á xuventude e promocionado polo Concello de O Vicedo. Asistiron o Alcalde do Vicedo, o Encargado da OMIX, os monitores (resineiros) encargados de impartir o curso e a propietaria dos terreos onde se van facer as prácticas do curso.

Trátase dun curso gratuito dirixido nun principio á xuventude pero aberto tamén a outras idades e a intención é que dese curso saian futuros resineiros para traballar na comarca, que teñan unha opción laboral no territorio xa que hai plantas de pino suficientes en toda a zona como para que varias persoas poidan “vivir” da resina. Trátase de que os xóvenes poidan traballar no seu territorio, que se poida recuperar o monte, cuidar e ver outros posibles usos forestais.

Todos os asistentes á presentación mostraron a súa esperanza e ilusión en que este curso saia adiante co maior número posible de alumnos e que del saian futuros resineiros que se establezan na comarca, da mesma forma que hai noutros lugares de Galicia e de España.

Para obter máis información e formalizar a inscrición poden dirixirse ao mail alternativasforestais@gmail.com ou nos teléfonos 611 41 35 82 / 610 20 70 51.

Exit mobile version