Viveiro 1-9-17. A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, solicitou dúas reunións para falar co Presidente de Portos de Galicia e co Director da Axencia Galega de Infraestructuras co fin de resolver dous asuntos de gran importancia para este municipio, como son a demolición dos galpóns do muelle de Viveiro e a continuidade da vía de alta capacidade ao seu paso por Viveiro cun trazado de consenso.
Con respecto á demolición dos galpóns, despois de conseguir, grazas ás xestións realizadas, que se tirasen nunha primeira fase parte dos existentes, nas reunións mantidas no ente Portos de Galicia e mediante os escritos remitidos ao respecto, esta Alcaldía xa se viña interesando polo estado da tramitación dos expedientes de reversión, incidindo na necesidade de demoler os galpóns que aínda existen no muelle á maior brevidade posible atendendo, inicialmente, a cuestións funcionais e estéticas, sendo a súa demolición necesaria para conseguir que Viveiro poida abrirse ao mar. Neste momento, tendo en conta o estado no que se atopan os galpóns, a súa demolición urxe tamén por seguridade, sendo necesario que se tome unha solución antes de que as inclemencias metereolóxicas propias do inverno empeoren a situación e poñan en risco a seguridade dos usuarios deste peirao.
A vía de alta capacidade é outro asunto fundamental, sendo imprescindible para poder conectar Viveiro co resto de Galicia e do estado e para garantir o futuro deste municipio. Así, pois, tendo en conta a intervención parlamentaria realizada antes do verán con respecto a este tema, solicitouse unha reunión co Director da Axencia Galega de Infraestruturas co fin de coñecer en qué punto se atopa este proxecto e insistir na necesidade de axilizar a súa tramitación o máximo posible, conseguindo un trazado de consenso para este vial que urxe executar.
As dúas reunións solicitadas son para tratar de axilizar e resolver cuestións prioritarias para este municipio, nas que xa se vén traballando e incidindo dende hai anos. A nosa constancia serviu para desbloquear a situación na que se atopaba o PXOM con respecto á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conseguindo, despois de varios anos, o informe favorable que permitirá continuar coa súa tramitación. Así, pois, continuaremos insistindo para conseguir a resolución destes e demais asuntos importantes. Considero, finalmente, que os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular tamén deberían traballar nesta liña en beneficio dos veciños, fronte ao silencio público que manteñen con respecto a estes temas de vital importancia para Viveiro.