Site icon Crónica3.com A Mariña

A licitación da nova EDAR, a limpeza do encoro de rúa, a iluminación dos accesos ao porto e a construcción dun novo polideportivo foron algúns dos asuntos dos que falou o Alcalde de Burela co Presidente da Xunta no encontro mantido este mércores en Compostela

181017 Foto Alfredo Feijoo 3Burela, 18 de outubro de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo hoxe un encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, con quen durante máis dunha hora falou entre outros asuntos da nova Edar, da limpeza do encoro de Rúa, da construción dun novo polideportivo na localidade e do alumeado dos accesos ao porto. O rexedor cualificou a xuntanza de moi positiva.
Alfredo Llano manifestou que “hai un compromiso formal, hai un proxecto que se está terminando e xa hai unha ubicación para poñer a nova Edar de Burela, que é moi necesaria porque a que hai actualmente xa non responde ás necesidades do noso concello. Ademais que non cumpre ben as condicións para facer un bo tratamento de auga residual así que a nova Edar xustifícase perfectamente”.
O rexedor burelés engadiu que “hai un orzamento de 9´5 millóns de euros para facer esta nova infraestrutura. Consideramos que para o ano que ven pódese licitar e a ver se estivera completamente rematada no ano 2020, porque é unha obra moi complexa, hai que facela no porto e ten unha serie de obras complementarias que tamén son complexas. É unha Edar con características medio ambientais moi boas, que aplicará as novas tecnoloxías biolóxicas”.
Llano relatou que “tamén falamos do abastecemento da auga e da calidade da auga. Compartimos a preocupación de que no futuro a auga pode ser un problema e hai que estar atentos ao cambio climático. A min paréceme unha solución extraordinaria a de limpar o encoro de Rúa, que ten agora mesmo aproximadamente 23.000 metros cúbicos de lodos, e esa limpeza significaría gañar moitisima capacidade para garantir nun momento determinado o abastecemento. Existe un problema coa limpeza dos encoros, que é o tratamento dos lodos e iso encarece bastante a limpeza, pero vaise facer un proxecto e unha memoria e estudar ata onde pode chegar. Eu penso que hai que procurar facelo e dese xeito mellorar o abastecemento de auga”.
O alcalde burelés explicou que nesta xuntanza co presidente da Xunta “falamos da necesidade dun novo polideportivo que ten Burela. Hai que ter en conta que as esixencias que está habendo por parte da Federación Española de Fútbol Sala con respecto ao deporte de elite como son os dous equipos que temos en primeira e segunda división. Eu plantexeille que para atender esas esixencias hai que facer un novo polideportivo, que significaría adaptalo para partidos de primeira división e que se faga moito deporte base na nosa vila. Hoxe hai moita necesidade de novas instalacións deportivas porque en Burela hai moita xente nova e cantas máis instalacións deportivas haxa moito mellor”. E engadiu que tamén “queremos que se constrúa unha piscina climatizada nese polideportivo, aínda que hai que analizar os custes que pode ter e tamén o seu mantemento. Sería ben que contásemos con ese servizo. Para facer este completo polideportivo poderíase financiar da seguinte maneira. Unha parte tería que afrontala a Xunta de Galicia, outra a Deputación Provincial de Lugo e unha terceira o Concello de Burela. A ver si nos poñemos a ilo para saber o custe real de todo isto”.
Alfredo Llano seguiu a relatar que “estivemos falando do acceso ao porto e da necesidade dun alumeado. No proxecto hai un alumeado polo menos no túnel e nas rotondas. Díxenlle que vira na prensa que Fomento que ao non haber unha determinada densidade de tráfico considera que non facía falla colocar as luces. Eu dixen que iso non é equivalente porque a densidade de tráfico non se pode equiparar a ningunha estrada nacional porque é practicamente unha rúa do concello de Burela e está dentro do casco urbano. Isto está en maos de Infraestruturas e unha vez que pase a Portos veremos de acondicionar todo, tanto de colocar luces como de mellorar as rotondas. Entón falaremos porque aínda que sexa a responsabilidade doutra administración o Concello vai colaborar”.
Na xuntanza celebrada no Parlamento de Galicia, no despacho do presidente, tamén falaron de cuestións coma os incendios forestais destes días, do ensino e da apertura da nova escola infantil de Burela, da situación da sanidade e das infraestruturas na comarca, da atención temperá e da avespa velutina. Sobre a N-642 o rexedor e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña indicou que “lle pedín que nos bote unha man para tentar arranxar esta vía que soporta no verán unha media diaria de 13 a 17.000 coches. Na actualidade, tal e como está, é un auténtico probador dos amortigüadores”.
O alcalde de Burela asegurou que “a reunión foi en conxunto moi positiva e prestou a atención necesaria con interese. Esperemos que dea os seus froitos para ben do Concello de Burela e da Mariña”.

Exit mobile version