Site icon Crónica3.com A Mariña

A mancomunidade solicitará diante dos organismos competentes a creación dunha xefatura local de tráfico na Mariña. Alfredo Llano reuníuse en Lugo con Paula Yubero

Burela, 19 de outubro de 2017. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, asegura que os exames para a obtención do carné de conducir, tanto os teóricos como os prácticos, seguirán realizándose na Mariña. Llano entrevistouse esta mañá coa xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero. O presidente da Mancomunidade solicitará ante os organismos competentes a creación dunha xefatura local de Tráfico na Mariña.
Alfredo Llano cualificou a xuntanza coa xefa provincial de Tráfico como “moi cordial, estivemos falando de moitas cousas, pero a miña intención como presidente da Mancomunidade representando un pouco o sentir de toda a comarca con respecto aos exames para a obtención do carné de conducir, foi defender o dereito que teñen todas as persoas que están na Mariña a que sigan facéndose aquí os exames con todas as garantías de futuro”.
O presidente da Mancomunidade dixo que “en principio iso vai seguir funcionando, non hai porqué perder o dereito de examinarse na comarca, de momento se está facendo en Foz tanto o teórico como o práctico e espero que se sigan facendo aí, e non hai nada que contradiga iso”. Llano admitiu que “houbo no seu momento houbo unha idea de centralizar os exames teóricos en Lugo, pero iso foi unha decisión que foi para atrás”.
Alfredo Llano explicou que “no contexto de folga que está habendo é certo que agora é moi difícil normalizar a situación, e evidentemente mentres dure a folga os exames van seguir retrasándose un pouco e vai haber menos, pero todo derivado do contexto de folga que está habendo”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña reiterou que “nosoutros imos facer unha petición formal desde a Mancomunidade á Xefatura Estatal de Tráfico para que nos teña en conta esta petición. É certo que non hai moitas xefaturas locais en Galicia, pero eu sempre defendo que A Mariña é unha cidade lineal onde estamos 85.000 persoas, e debemos ter os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades que calquera outra cidade, ademais que estamos a hora e cuarto de Lugo, como mínimo”.
Alfredo Llano manifestou que “houbo un entendemento total coa xefa provincial que vai informar do que pretendemos, e nosoutros imos defender os dereitos dos nosos veciños da comarca da Mariña. Imos agardar a ver qué sucede, pero imos estar atentos para que non perdamos servizos e sigamos gañando oportunidades para que a xente poida facer como se estivera vivindo na cidade”.

Exit mobile version