Site icon Crónica3.com A Mariña

A situación da sanidade e o transporte na comarca foron algúns dos temas tratados no pleno da mancomunidade de municipios da Mariña que se celebrou onte na Pontenova, así como a recollida de aceite usado e de roupa

A Mariña, 3 de outubro de 2017.- A Mancomunidade de Municipios da Mariña abordou a situación da sanidade e o transporte na comarca no pleno celebrado onte no Concello de A Pontenova. Ademais presentáronse informes sobre as empresas que levan a cabo a recollida de roupa e aceite usado, abordáronse os proxectos turísticos nos que traballa a Mancomunidade e a situación económica da entidade, que non presenta débedas.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, subliñou que “a situación económica e boa e sen débeda, polo tanto é unha boa noticia para toda a xente que conformamos A Mancomunidade”.
Sobre outro dos temas que se abordaron Llano explicou que “temos unha empresa que está traballando na recollida de roupa usada, que está tendo moi bo rendemento, que é unha cousa moi beneficiosa para os Concellos dado que recolle aquela roupa que xa non se vai empregar, que xa non serve para ofrecer a ninguén. Hai unha calidade de roupa que se pode dar a Cáritas ou a Cruz Roja, que é moi bo ademais que se dea cando non se queira utilizar, pero hai outro tipo de roupa que cando xa está desgastada, que non serve absolutamente para nada, tirábase ao lixo. Agora iso recollémolo selectivamente en todos os Concellos da Mancomunidade, e por un lado reduce moitísimo a contaminación que existía por este tipo de lixo que era o da roupa usada, e por outro lado recíclase ese material para outros usos que son moi aproveitados. Así que iso é moi bo para os Concellos e esa empresa segue de momento”.
O presidente da Mancomunidade engadiu que “hai outra empresa que recolle os aceites usados de cociña, os aceites domésticos non os industriais. Tamén está tendo moi boa acollida en todos os Concellos onde se aplica, e ademais como ese aceite se recicla, as empresas sempre reverten parte dos beneficios para a Mancomunidade. Por exemplo este ano ingresáronos 6.000 euros de beneficio pola recollida dos aceites. Agora corresponde sacar de novo a licitación a empresa para que recolla os aceites e estamos niso. Imos facelo ben esta semana ou para a próxima que seleccionaremos a empresa e tamén temos que incorporar a Viveiro para que poida aproveitar a vantaxe da recollida selectiva de aceite”.
Alfredo Llano salientou que “outro tema do que falamos dentro dos informes da presidencia, foi da sanidade na Mariña. Todo o mundo deu a súa opinión sobre o que consideramos que é a área sanitaria propia na nosa comarca. Eu plantexei que toda a Mancomunidade debería manifestarse a favor de conservar e fortalecer a área sanitaria propia da Mariña. Saíu que si a base dos votos de toda a xente que non forma parte do Partido Popular. Todos os alcaldes ou todos os representantes dos Concellos que non forman parte do Partido Popular votamos a favor de manter, potenciar e conservar o que é a área sanitaria propia da Mariña. Había catorce persoas e sete, contando co meu voto, foron a favor de conservar e potenciar esta área”.
O presidente da Mancomunidade manifestou que “tamén falamos doutro tema preocupante que é o de transporte na nosa comarca. Eu informeilles de que había unha proposta da Xunta de Galicia que xa se está aplicando, e está funcionando perfectamente, que é un servizo que atravesa toda A Mariña de Ribadeo ata Viveiro. Cada hora e pouco sae un coche de Ribadeo e outro de Viveiro. Iso trae moita vantaxe para a xente que quere desprazarse nun autobús para traballar, vir visitar un médico, transporte escolar, etc… Polo que eu sei está tendo moi bo resultado. Estivemos falando desa proposta e todo o mundo está de acordo, pero tamén saen outras necesidades que non están contempladas nestes horarios como poden ser transportes desde O Vicedo, Mondoñedo, Lourenzá ou Alfoz. Tamén de servizos que se foron suprimindo e nos fan moita falta na Mariña como era ir ata Coruña a diario, ou desde A Coruña á Mariña a diario ou desde Santiago, ou a Lugo. Hai moita queixa en xeral de que hai soamente un coche que sae desde Burela, por exemplo, ás dez e media para ir a Lugo, e que é un horario moi tardío”.
Llano declarou que “imos ver as necesidades de cada un dos Concellos que poden xestionar eles directamente coa Xunta ou con quen corresponda e reclamar os servizos, ou facelo a través da Mancomunidade. Non temos inconveniente en facer a proposta á Xunta de Galicia nese senso. Imos ver que quede o mellor transporte posible que dea servizo a todos os pobos e concellos que conformamos toda esta comarca. Hai que procurar darlle calidade a todo canto se fai con respecto ao transporte. Hai que pensar que hai moita xente aínda que non está subrogada dos traballadores que estaban antes nas liñas da Mariña, e agora por circunstancias que nos veñen contando, xa tiven conversas incluso particulares con algúns dos afectados, levan dous meses traballadores que antes estaban aquí tranquilamente que non saben en qué posición legal están porque nin traballan, nin cobran, nin poden estar no paro, nin poden estar traballando. É algo que preocupa e queremos que lle dean saída a todo isto o antes posible a quen corresponda”.
Na sesión plenaria celebrada onte tamén de seu conta dos proxectos turísticos nos que está a traballar a Mancomunidade de Municipio da Mariña: rutas de sendeirismo, turismo slow, edición de dípticos, ruta da faba, mes da maxia, cursos…
O presidente da Mancomunidade indicou que “o pleno celebrouse onte na Pontenova para despedir ao secretario desta entidade, que se xubila e que tiña a súa praza nese Concello, e quixemos así darlle as grazas e recoñecerlle o traballo realizado ao longo dos anos que leva traballando na Mancomunidade de Municipios da Mariña”.

Exit mobile version