Site icon Crónica3.com A Mariña

A subvención da Deputación permite manter ao Concello de Viveiro o servizo de axuda no fogar libre concorrencia sen incrementar o custe para o usuario

Viveiro 20-10-17. A través do Plan Único 2017, a Deputación Provincial de Lugo concedeu ao Concello de Viveiro unha axuda de 75.000 € para o Servizo de Axuda no Fogar Libre Concorrencia. Grazas a esta subvención, o Concello poderá manter este servizo sen necesidade de incrementar o seu custe para os usuarios.

En 2016, a Deputación Provincial de Lugo concedeu a este concello, para este servizo, unha subvención de 22.722,10 €. Polo número de usuarios e o importe asumido por cada un deles, este servizo resultaba deficitario. Sen a axuda recibida a través do Plan Único 2017, o Concello de Viveiro non podería manter o servizo como en anos anteriores, véndose na obriga de adoptar unha decisión ao respecto, reducindo o número de beneficiarios ou incrementando a cantidade que cada usuario debe satisfacer por este servizo.

Grazas ao considerable incremento na cantidade achegada pola Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Viveiro pode manter este servizo, tan necesario, nas mesmas condicións que en anos anteriores.

Cómpre sinalar que a media de usuarios, no que vai de ano, é de 96 persoas e que mediante este servizo se presta axuda nas actividades da vida diaria ás persoas maiores que non están cubertas pola Lei de Dependencia.

Unha vez máis, Viveiro debe agradecer a labor da Deputación Provincial de Lugo e a súa implicación con este municipio; grazas a isto e ás xestións realizadas por este concello, os usuarios non terán que pagar máis polo de Servizo de Axuda no Fogar Libre Concorrencia.

Exit mobile version