Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aclara que o concello da Pontenova non presentou alegacións ao novo plan de transporte público

Lugo, 21 de outubro de 2017.- A Xunta de Galicia quixo aclarar que o Concello da Pontenova non presentou alegacións durante o trámite de exposición pública do novo mapa de transporte por estrada, polo tanto, non remitiu en tempo en forma ningún documento, durante o prazo establecido ao efecto, para mostrar a necesidade de introducir cambios nas rutas de autocar que operan no seu municipio.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda someteu as novas liñas, horarios e paradas a información pública entre 30 de maio e o 10 de xuño, período durante o cal os distintos concellos podían presentar a súas alegacións e propostas de modificación e mellora. Non facelo, como aconteceu no caso da Pontenova, supoñía que a administración local daba súa conformidade ao novo plan.

A Xunta di que a única xestión desenvolvida por este Concello foi remitir moito despois de superado o prazo de alegacións–a primeiros de setembro- un escrito solicitando á Dirección Xeral de mobilidade cambios en horarios e servizos pero xa co novo plan en funcionamento.

Con todo o Goberno galego e os servizos técnicos da Consellería, en colaboración coas distintas empresas que teñen as concesións de transporte, estudan distintas melloras que se poidan introducir no plan para seguir prestando o mellor servizo público, en especial, nas zonas do rural.

Exit mobile version