Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta crea unha ruta ao Hospital da Costa desde Trabada, municipio que carecía de transporte público por autobús

Lugo, 26 de outubro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda dotará ao concello de Trabada, que ata o de agora carecía de transporte público por autobús, dunha ruta que unirá esta localidade co Hospital da Costa, en Burela.

A liña, de nova creación, habilitarase todos os días laborais, de luns a venres, con saída ás 8.30 horas desde Trabada e regreso de Burela ás 14 horas.

O itinerario previsto inclúe paradas en Trabada núcleo urbano, Lourenzá, Vilamar, Casa da Cultura de Foz, estación de autobuses de Foz, Hospital da Costa, avenida arcadio Pardiñas 154, e estación de autobuses de Burela.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Xunta foi sensible ás demandas da veciñanza de Trabada pese a que, lembrou, o Concello non presentou ningunha alegación durante o prazo establecido para solicitar estes cambios, do 30 de maio ao 10 de xuño.

“Con todo, a Xunta sempre estivo disposta a facer axustes puntuais para mellorar e adaptar as rutas ás necesidades dos viaxeiros. E de xeito moi especial para que Trabada, que ata o de agora carecía de transporte por autocar, poida contar cunha liña compatible cos horarios de consultas e probas no Hospital da Costa”

Novos horarios na Pontenova
Pero esta non é a única novidade avanzada polo delegado territorial da Xunta, xa que logo a administración autonómica tamén vén de autorizar un cambio de horarios na ruta entre Ribadeo, A Pontenova e Lugo.

De luns a venres, en sentido Pontenova – Lugo a saída terá lugar ás 7,20 da mañá e ás 18.35 horas. Tamén de luns a venres, para regresar de Lugo á Pontenova, a saída da capital provincial terá lugar ás 13.15 e ás 20.30 horas

Finalmente na fin de semana habilitarase un autocar con saída ás 16,25h desde Ribadeo e paso estimado pola Pontenova ás 17.00 h camiño de Lugo.

“Dáse deste xeito satisfacción ás demandas dos veciños que querían unha conexión por autocar compatible cos horarios de consultas e probas do hosptial Lucus Augusti”-dixo o delegado territorial.

Balseiro lembra que tampouco neste caso o Concello da Pontenova presentou alegacións durante o prazo establecido, nin participou nas reunións convocadas ao efecto. “Só mandou un escrito solicitando cambios moito despois de que as novas rutas entrasen en funcionamento, pero aínda así a Xunta, detectada a necesidade de mellora, quixo facerse eco das demandas veciñais neste sentido”

Desde a administración autonómica lembran que sempre estiveron dispostos a realizar adaptacións puntuais no plan de transporte por estradas co obxecto de mellorar a conexión das zonas rurais e os principais puntos estratéxicos, como é o caso dos hospitais ou centros de saúde.

Balseiro lembra que o Goberno galego tamén impulsou e autorizou unha liña de nova creación entre Alfoz, Valadouro, Foz e Burela, que eran outros dous municipios que ata a reforma impulsada pola Xunta carecían de calquera liña de transporte.

Exit mobile version