Trátase dunha actuación executada dentro do Plan Hurbe nunha das principais vías de acceso e centro neurálxico da actividade comercial e económica da vila, polo que estes traballos supoñen unha mellora na calidade de vida dos veciños, que recuperan, deste modo, un espazo público de integración. Así o manifestou a responsable do departamento autonómico, Beatriz Mato, tras visitar a zona xunto co rexedor local, Javier Jorge Castiñeiras, a quen lle trasladou a importancia de fomentar a cooperación institucional co obxectivo de avanzar “xuntos” cara a un urbanismo responsable, sustentable e participativo.
Durante a súa visita a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destacou o bo ritmo dos traballos, que permitiron finalizar a execución seis meses antes do previsto. Deste xeito, os veciños xa poden facer uso das novas zonas habilitadas para aparcamento, espazos verdes e peonís. Igualmente, salientou as melloras realizadas tanto no eido da seguridade viaria e reorganización do tráfico, así como na recuperación dos espazos públicos de integración co fin de acadar unha contorna urbana de calidade.
Así, dotouse a Avenida da Mariña de novo mobiliario urbano, renovouse a iluminación, e executouse unha nova pavimentación das beirarrúas e as calzadas para evitar os desniveis e lograr unha mellor accesibilidade. Tamén se aumentaron as zonas verdes mediante a creación dun paseo arborizado e se estableceron novos espazos de estancia para os peóns. Por último, dotouse a rúa de zonas de aparcamento en fila cun ancho de 2,5 metros a ambos laterais da vía, agrupados en 3 ou 4 prazas e intercalando illotes co fin de evitar a masificación de vehículos.
Actuacións en Lugo
En definitiva, unha actuación de mellora e reordenación do tráfico enmarcada no Plan Hurbe, que supuxo o financiamento dun total de 31 actuacións na provincia de Lugo cun orzamento superior aos 28 millóns de euros desde a posta en marcha en 2010. Este esforzo inversor levouse a cabo na totalidade do territorio galego, como amosan as 157 actuacións en 114 concellos e un orzamento de 123 millóns de euros.
Tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, o Plan Hurbe naceu cun triplo obxectivo: facilitar a humanización das vilas galegas, impulsar a cooperación entre as administracións e promover o reequilibrio territorial na nosa Comunidade.