Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano manterá este xoves, día 19, unha xuntanza coa xefa provincial da tráfico para falar da situación pola que están a atravesar as autoescolas na comarca e tamén de cuestións como a seguridade nas estradas desta zona

A Mariña, 17 de outubro de 2017. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, manterá o xoves, día 19, unha xuntanza coa xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, para falar da preocupación das autoescolas da comarca, que levan meses sen poder facer os exames para a obtención do carné de conducir.
Llano explicou que “en principio este encontro é para tratar o tema que preocupa na Mariña con respecto a facer os exames para acadar o carné de conducir. Como é unha preocupación colectiva tanto para as autoescolas, pero sobre todo para aquelas persoas que queiran sacarse o carné de conducir da nosa Mancomunidade”.
O presidente da Mancomunidade lembrou que “aquí somos 16 concellos, preto de 85.000 persoas, e debemos ter este servizo aquí moi preto e ademais con todas as garantías de funcionamento. Para falar desta preocupación quedei coa xefa provincial de Tráfico, Paula Yuvero, para vernos este próximo xoves ás doce da mañá. Imos ver cómo podemos facer e se fixera falta algunha reunión posterior falaríamos, pero en principio trataremos de facer unha avaliación de todo o que está ocorrendo, e sobre todo o que imos defender é o dereito de toda persoa que queira sacar o carné de conducir para que poida facelo na nosa comarca. Hai que procurar ter os servizos aquí e con todas as garantías”.
Alfredo Llano engadiu: “eu tamén quero falar non soamente deste tema, que é preocupante, pero ha de haber outros que han de saír ademais. Penso que imos falar un pouco de todo incluso da N-642, dos problemas de tráfico, de cales serían as necesidades mais urxentes e tamén me pode comentar ela algo sobre o que teñen pensado facer aquí na nosa comarca. Sempre que se poida falar, debater e acadar solucións é unha boa noticia para todos os veciños da Mariña, e esperemos que isto sexa unha boa conversa para acadar cousas que realmente sexan fundamentais para a nosa comarca. Queremos falar de densidade de tráfico e de seguridade nas nosas estradas e con ese obxectivo estarei en Lugo o xoves”.

Exit mobile version