Site icon Crónica3.com A Mariña

AS SAN LUCAS E O COCHE DE BOTES

A relación Foz-Mondoñedo data de tempos moi afastados. Vellos papeis refiren que a primeira actividade mercantil dos focenses foi a venda do peixe fresco nos mercados da cidade episcopal¸labor que se mantivo vixente ata hai poucos anos. A cotiá presenza destas vendedoras fixo que chegasen a formar parte da xeografía humana da histórica cidade e que nela acadaran grande popularidade . Por outra banda a relación foi recíproca pois Mondoñedo – con Lourenzá e Valadouro – foron pioneiras do veraneo focego, e xa o xornal mindoniense“El Baluarte de Galicia¬¬, do 19-7-1892 (hai 125 anos),decía: “Ha salido para Foz , con objeto de tomar baños don Felipe Carrera, acompañado de su distinguida esposa doña Carmen Robles”.
Don Xosé Trapero, xornalista e escritor, que vivíu todo o século pasado ata o ano 95, nos comentou a veces o feito, e relacionaba os nomes de familias de principios do S.XX que en Foz tomaban os baños.
Xa entón meu tio avó, Antonio de Botes, establecera liña de viaxeiros entre os dous pobos, con flamante dilixencia tirada por cabalos; servizo que algúns días prolongaba ata Baamonde ,con emigrantes ,para coller o tren á Coruña e alí embarcar para América, a cuxos portos chegaban tras un mes, aproximado, de navegación, da que moitos deles endexamais voltarían.
En 1922 Botes mercou un Dion Bouton, marca francesa da que era concesionario o mindoniense Xosé Barro, estabrecido en Chavín con importante industria.Nos costados lucía o nome de “El Focense”. Foi perante anos cordón umbilical entre ambos pobos. Cara a aquél ían as caixas das pescantinas cheas de peixe,sustituído á volta por froitos da horta do fértil val.
Ao pouco tempo, en desgrazada manobra nunha rúa do centro de Mondoñedo, perdía a vida Antonio de Botes, o creador da Empresa: home moi popular e de grande prestixo social; o xestor no que todos confiaban para arranxar canto papeleo fose preciso na cidade episcopal: no bispado, notario,abogado, rexistro da propiedade,Caixa de Reclutas, etc.
Chegadas as San Lucas, o coche, ateigado de viaxeiros ata a “baca”, redobraba os esforzos para carrexar tanta parroquia. O ano 1965 finou Xosé de Botes,o fillo do promotor; o coche seguíu acudindo á cidade episcopal levado polo seu fillo ,Antonio; ata que, pasados uns anos os herdeiros venderon a empresa . Endexamais o coche de Botes voltou ás San Lucas…

Exit mobile version