Ou sexa que a represión foi inmoral, desaquelada, ilegal e antidemocrática. Mais foi, tamén, un grandísimo erro. Segundo o relato do Goberno do Estado (asumido por moitos que hoxe, en troques, arrepíaron diante da intervención gobernamental) o referéndum era ilegal, estaba prohibido polo Constitucional e non había garantías ningunhas no seu desenvolvemento. Se é así, que sentido tiña mallar na xente indefensa para evitar unha votación que non podía ter efecto xurídico ningún?
O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya ordenaralle aos Mossos (e só aos Mossos) impedir a apertura dos colexios antes das 6 a.m. do domingo. E o Maior da policía catalá, Josep Lluis Trapero, actuou coma un profesional, dispoñendo executar o mandato xudicial sempre que non se derivasen males maiores da intervención. A regra básica de calquera policía democrática.
O efecto na Europa foi abraiante. Os gobernos escandinavos, bálticos, escocés, vasco e mesmo o do Reino Unido amosaron xa o seu rexeitamento. A Generalitat anunciou accións contra España perante as institucións da UE, por vulneración dos valores fundacionais da Unión e agresión á súa propia cidadanía. Bruxelas non pode ficar impasíbel diante da vulneración dos dereitos fundamentais de milleiros de cidadáns europeos.
Mentres, as declaracións dos unionistas (Rajoy, Rivera e Pedro Sánchez) na noite do domingo amosaron que seguen sen se enterar que o desafío democrático catalán non vai de partidos nin de líderes, senòn que se basea nun movemento social pacífico, interclasista e transversal.