Site icon Crónica3.com A Mariña

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. A impugnación do modelo

Unha mañá de outubro, un día como outro calquera, un domingo, tempo de lecer. Premes o mando da tele e todo aquelo que algún día pareceu ciencia ficción, unha lonxana distopía, muda en realidade.
As rúas tomadas pola policía e o clima de hostilidade máis evidente que nunca sentira. A primeira sensación é a que aínda persiste, desconcerto e medo.
Como comezou todo, ninguén o sabe moi ben. Política, noxenta, desprezable, din moitos concidadáns que cren por a súa moral por enriba coa equidistancia.
De súpeto a sociedade partiuse entre os defensores da legalidade vixente e aqueles que queren subvertela. En España, segundo Transparencia Internacional, o país con maior percepción da corrupción da UE, o berce dun xénero literario chamado a picaresca, o das redes clientelares forxadas a través das administracións públicas, o modelo de referencia do capitalismo de amigos, xermolaban acérrimos partidarios do uso da coacción coa fin de manter a unidade territorial do estado.
O papel dos policías nacionais que interviron lembra a aquel filme de Oliver Stone, Nacido o catro de xullo; recibiron ordes de actuar, foron censurados pola meirande parte da opinión pública e agora maniféstanse por ter sido abandonados polo propio goberno.
Só un grupo inquebrantable de radicais defensores da constitución loaron o seu bo facer, recriminándolles unicamente un pouco máis de virulencia, ao inimigo hai que esmagalo.
Nun delirio transitorio imaxinei aos corpos e forzas de seguridade actuando contra cargos públicos aforados, contra responsables de institucións coma o Banco de España ou a Comisión Nacional do Mercado de Valores pola perda dos 60.600 millóns de euros do rescate da banca, acompañando a aquel molt honorable señor que ameazaba en sede parlamentaria con falar de máis… Nun episodio de ensoñación.
Imaxinaba a unha masa crítica, a unha multitude que pedía xustiza e reivindicaba o cumprimento da legalidade con respecto a todos estes episodios. Que reclamaba o repecto á doutrina de Estrasburgo no tocante á vulneración de dereitos fundamentais no que refire ás devolucións en quente e uso de concertinas.
Despois da loucura dominical compareceu o xefe de estado, facendo gala dunha inédita altura de miras, dunha imprevisible mesura e ponderación, da máis oportuna man esquerda.
Simultaneamente as xentes facían un nunca visto exercicio de introspección e autocrítica, o quid da problemática era intentar entender. Forxaban o seu criterio con base na porcentaxe de feridos incisos e contusos.
Agora que todo escachou, agora que unha parte da sociedade do noso país pide a berros a aplicación do art. 155 da constitución eu rezo un padrenuestriño para que se impoña o diálogo e se impulse un proceso constituínte. Non se trata só de revisar a implantación territorial senón da impugnación íntegra do modelo.

Exit mobile version