Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias: O rodillo do interese público

As desgrazas nunca veñen soas, a dichosa lei de Murphy e toda esa vaina de que se algo pode saír mal, de seguro sairá mal. Unha actitude de resignación, asunción e pesimismo ante os avatares da existencia.
Andaba xa a sociedade fragmentada, dividida por cuestións económicas, sociais e, de xeito máis recente, por outras de índole identitario; cando a nosa realidade semellaba un puzzle irresoluble as cousas mudaron aínda máis difíciles.
Levabamos tempo tamén enredados en discusións xurídicas: a constitución, o imperio da lei, o principio de seguridade xurídica, a separación de poderes… E para completar o análise xurdiu outro concepto sobre o que por a lupa: o interese público.
Di a Constitución no seu artigo 103 que a administración serve con obxectividade os intereses xerais, sendo este un principio reitor que serve de faro ao resto do conxunto do ordenamento, a búsqueda da utilidade social e o interese público.
Logo, para saber do que estamos a falar habería que definir o termo, ¿que é o interese público? Un concepto indeterminado que apodera a administración para integralo e aprecialo en cada caso, unha potestade discrecional.
Deste xeito invocase o “interese nacional” para a aplicación do art. 155 da constitución no caso de que unha Comunidade Autónoma non cumprira as obrigas legais, de forma que atentara gravemente contra “o interese xeral” de España.
Chegados a este punto, de seguro aínda non poderá concretar o que é o interese público, así que conviña aterrar noutra lei controvertida, a actual lei de montes.
Dando por sentado que o lume que se espallou pola nosa xeografía na pasada fin de semana foi provocado, circunstancia esta que ningúen dubida, comezase a pescudar, a facer cábalas a propósito das eventuais motivacións.
E foi aí cando nos atopamos co artigo 50 da actual lei de montes referente ao mantemento e restauración do carácter forestal dos terreos incendiados.
Despois de atribuír ás comunidades autónomas a garantía para a restauración dos terreos incendiados, fixa a prohibición do cambio de uso forestal nun período inferior aos 30 anos para, de seguido, engadir:
“…Con carácter excepcional as comunidades autónomas poderán acordar o cambio de uso forestal cando concorran razóns imperiosas de interese público…”
Volvendo ao tema que nos ocupa, supoño que agora xa pode discernir de xeito un pouco máis claro o que se entende por interese público: a facultade que se atribúe o estado para poder actuar no meu e no seu nome. Un rodillo que fai que aqueles que nos representan podan facer o que lles pete, a ditadura da falsa lexitimidade e a gran mentira de que a democracia se pode delegar.

Exit mobile version